Nas últimas semanas as grandes plataformas sociais na Internet están a padecer grandes ataques informáticos que buscan penetrar nos seus sistemas, e non son poucas as ocasións nas que conseguen parcialmente o seu obxectivo, como parece que foi o caso dun sofisticado ataque que hoxe recoñecen ter padecido en Facebook durante o último mes. Ao parecer, o ataque deveuse a que traballadores de Facebook visitaron dende os seus ordenadores a páxina web dun desenvolvedor móbil que estaba comprometida, infectando os equipos cun malware pese a que estaban actualizados e con software anti-virus, e tras detectar a infección tomaron medidas para eliminala e facer balance de danos, nunha investigación que aínda segue, e que polo momento non atoparon ningunha evidencia de que se comprometeran datos dos usuarios durante este ataque.
O equipo de Facebook Security atoparon actividade sospeitosa nos seus sistemas que foi o que os levou a investigar os portátiles mencionados, atopando que a intrusión chegara a través dun fallo de seguridade de Java (que foi inmediatamente comunicado a Oracle, que corrixiu tal fallo o pasado día 1) o que contribúe a minar a confianza en Java, software que moitos expertos recomendan non empregar en ordenadores persoais ante os moitos problemas de seguridade que está a propiciar (como tamén acontece frecuentemente co software de PDF e Flash de Adobe).
Resulta evidente que moitas outras compañías padeceron o mesmo ataque que Facebook, pero polo momento é unha das poucas empresas que, nun acto de transparencia, dan conta do mesmo publicamente.
Facebook padeceu un ataque informático por mor dun fallo de seguridade de Java
Compartir Este Artigo
