Lonxe quedan os tempos en que os navegantes, con axuda do estudo pormenorizado das estrelas, ficaban satisfeitos resolvendo a súa posición cuns cantos quilómetros de marxe de erro. Isto foi, en tempos, cousa habitual e para algúns navegantes, o máximo que podían obter. Logo, a marxe foise reducindo, paseniño iso si, ata que chegou o GPS, e xa deixamos de falar de distancias longas e medias á hora de dar conta de posibles inexactitudes. Con todo, a marxe raramente baixou co GPS dos 15 metros para persoas ou vehículos emprazados a ceo aberto. Para cousas ou individuos entre edificios, esténdese aos 50. Porén, hai boas novas ao respecto, sobre todo de cara á localización de persoas extraviadas ou coches sinistrados, cousa na que é imprescindible a máxima exactitude. Segundo se conta, a Universidade Carlos III de Madrid vén de reducir a devandita franxa dos 15 metros aos dous.
Este fito é froito do intenso traballo despregado polos integrantes do Laboratorio de Sistemas Intelixentes e o grupo de Intelixencia Artificial Aplicada da dita institución educativa. Unindo forzas foron quen de desenvolver un aparello-prototipo que mestura a tecnoloxía GPS tradicional coas de outros sensores destinados a medir velocidades e enerxías, co que se abranguen máis parámetros a ter en conta. Dito doutro xeito: se atenden a máis factores que ao simplemente salelital. No caso dun vehículo, os investigadores foron quen de optimizar o seu posicionamento entre un 50% e un 90%. As mellores porcentaxes obtéñense canto mellor é o sinal e máis nidiamente se recibe. Para acadar a devandita amplitude de parámetros no aparello combinouse a tecnoloxía GPS coa propia dos acelerómetros e os xiróscopos. Estes últimos intégranse nunha Unidade de Medición Inercial (IMU) que é quen de pór números exactos á velocidade e deriva dun vehículo. Todo isto inclúe unha conexión directa cun computador que avalía os datos, amaña posibles erros e achega posicións. O dito dispositivo-prototipo, por certo, adáptase a calquera coche.
Reducen a dous metros a marxe de erro da tecnoloxía GPS
Compartir Este Artigo
