O vindeiro 6 de marzo a Fundación Dintel, con sede principal en Madrid, vai organizar en Santiago o congreso Tecnoloxías e Servizos Públicos na Administración Galega do Século XXI. O obxectivo desta xuntanza, na que participarán algúns dos principais representantes do tecido TIC galego, público e privado, é amosar polo miúdo as novas oportunidades de negocio que están a achegar os procesos de dixitalización das diferentes institucións. Asemade, preténdese que o evento sirva para que cada empresa poida dar conta do seu potencial para acometer proxectos TIC, amais de constituírse como unha cita de promoción da fórmula do networking compañías-administracións.
Na xornada, a nivel temático, xirará arredor da modernización tecnolóxica nas áreas de Administracións Públicas, Xustiza, Sanidade e Educación, as cales estarán representadas por altos cargos autonómicos da Xunta e do Goberno central, así como por representantes do tecido tecnolóxico-dixital galego. “Estas áreas”, sinala Dintel, “son estratéxicas para situar á Comunidade como un referente en innovación e eficiencia permitindo que os proxectos que se executen poidan ter unha continuidade con independencia de se acontecen cambios políticos ou non”.
O congreso celebrarase no Hotel Monumento San Francisco. Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), será a encargada de inaugurar a xeira de actividades. A clausura virá da man de Víctor Calvo-Sotelo, secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información. Presidirá o evento o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
A Fundación Dintel avaliará en Santiago o potencial da eAdministración para o medre empresarial
Compartir Este Artigo
