Coma cada ano, o servizo 11870.com elaborou unha listaxe dos sitios e restaurantes do eido estatal preferidos polos usuarios da dita web. E, como cada ano (como non podía ser doutro xeito), vemos na clasificación final un importante número de establecementos galegos, sobre todo da Coruña (76), pero tamén de Lugo (6), Ourense (8) e Pontevedra (24). Lembrar que 11870.com é un servizo web onde a comunidade en liña garda e comparte os seus locais hostaleiros favoritos. Cada ano, ademais, elabórase dende o seu seo unha escolma final de establecementos feita man a man cos usuarios (95.000 rexistrados). A listaxe da que estamos a falar é xa a sexta consecutiva que se fai. En virtude dela, cada local incluído, procedente de toda a xeografía española, recibirá un recoñecemento de mans de 11870.com: un distintivo en liña que avalará a calidade e a fiabilidade de cada empresa.
Segundo informan fontes deste servizo, os premios teñen aínda máis valor se temos en conta o contexto económico no que se insiren: en boa medida, son un xeito de escorrentar a crise e os seus malos agoiros. Así nolo explica o seu conselleiro delegado Roberto Heredia: “Estamos moi contentos de premiar un ano máis o labor dos negocios favoritos dos nosos usuarios a través destes distintivos, especialmente nun ano onde vimos a tantos negocios cedendo ante a crise; con todo, malia o duro momento económico, son moitas as empresas que realizan un traballo impecable día tras día, e son os seus propios clientes os que quixeron valorar e recoñecer o seu traballo diario a través destes premios”.
Por certo que para facer a escolma de premiados en toda España tivéronse en conta as valoracións medias outorgadas polos membros para cada sitio, calculadas xunto a outros moitos datos e variables e completado cunha revisión manual dos premiados para evitar fraudes. Unicamente outorgouse o premio aos sitios coas valoracións medias máis altas.
Entre os sitios galegos recoñecidos atópanse establecementos como O Patachín na Coruña, O Dezaseis en Santiago, O Fogar do Santiso en Teo, o restaurante Yayo Daporta en Cambados, Maruja Limón en Vigo ou Casa Tino Fandiño en Allariz.
A listaxe 2013 de mellores locais de 11870.com volve saldarse con notable presenza galega
Compartir Este Artigo
