A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vai desenvolver arredor do 24 de febreiro, como vimos avanzando nesta web, unha serie de actividades para conmemorar a figura de Rosalía de Castro, entre as que se conta unha acción colectiva que nos colle de preto: unha lectura colectiva de Cantares Gallegos e a súa achega en varias quendas á Rede (a primeira achega xa está dispoñible en múltiples vídeos coa nosa cativada como protagonista). Cómpre lembrar que a devandita xornada conmemórase o Día de Rosalía de Castro, xa que é a data do seu nacemento. Asemade, dáse a circunstancia de que tamén se fan 150 anos da publicación da dita obra de seu, Cantares Gallegos.
Como lembraremos, trátase do primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos previstos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais, sendo as actividades ligadas coas TIC as que probabelmente máis firmes conexións establezan coa nosa rapazada e mocidade. Nesta liña insírese a celebración o día 22 nos nosos centros de ensino, a raíz dunha proposta da AELG, de novas lecturas e gravacións audiovisuais de Cantares gallegos por parte do alumnado, que serán escolmadas e subidas á Internet, para engadirse ás que xa están dispoñibles. “A iniciativa”, sinala a asociación, “tivo tan boa acollida que foron xa 90 os centros que están achegando os froitos do seu traballo, que xa se está recompilando desde o espazo web da asociación”. A estas propostas tamén se uniron os concellos de Pontevedra e Fene (promovendo actos o día 22 de febreiro), así como a Asociación de amigos do viño da Ribeira Sacra que organiza en Monforte, na Galería Sargadelos, unha lectura de Cantares Gallegos ás 20:15.
O sábado 23 proseguen as celebracións. Así, en Bruxelas, A Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Madrid, Cangas, A Pobra do Caramiñal, A Rúa de Valdeorras, Noia, Ribeira, haberá recitais acompañados da lectura dun manifesto elaborado pola AELG. Tamén en Fene haberá un recital promovido desde o Concello.
Finalmente, o domingo 24, ás 12:00, no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG desenvolverá un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares Gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral. Tamén o domingo haberá recitais en Fisterra, Bos Aires e Allariz.
Un dos obxectivos da AELG é institucionalizar ese Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor. Para máis información do que está a acontecer diariamente con motivo deste festexo, cómpre visitar o apartado específico da web da asociación.
A AELG quere levar a celebración de Rosalía ao máximo número de centros de ensino pola vía das TIC
Compartir Este Artigo
