O Consorcio da Zona Franca e o Porto de Vigo anunciaron esta semana un novo proxecto para pór en xogo novas metodoloxías de desenvolvemento da ría e a súa contorna, na procura da sustentabilidade e da mellora da loxística e comunicacións entre operadores e empresas. Este programa, chamado Vigo Smart Sea, contará co apoio de entidades de investigación locais como o Campus do Mar ou o centro Gradiant. A iniciativa insírese na estratexia actual do Consorcio para a procura de novas propostas para impulsar a economía de Vigo, estratexia na que se insire, tamén, a creación dun centro de excelencia gastronómica. Volvendo a Smart Sea, dicir que xa foi presentado perante aos fondos europeos FEDER, na procura de investimentos.
As medidas foron dadas a coñecer pola delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, no marco dun foro de debate de Nova Economía Fórum. Pedrosa explicou que o proxecto Smart Sea é “unha iniciativa estratéxica do Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Autoridade Portuaria en colaboración cos principais axentes de I+D vinculados coas novas tecnoloxías da información e o eido mariño: Gradiant e o Campus do Mar”. Como dixemos, para o seu financiamento, ademais das achegas dos socios locais, o proxecto Smart Sea preséntase á Dirección Xeral de Innovación e Competitividade do Ministerio de Economía, que é o xestor do Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das empresas. Este programa está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo explicou a delegada do Estado, o plan atópase nunha fase “de presentación inicial e dependen de que sexa aprobado para a obtención destes fondos europeos”.
A Zona Franca impulsa un proxecto de desenvolvemento da ría que cingue TIC e investigación mariña
Compartir Este Artigo
