AJE Vigo vén de pór en marcha un servizo gratuíto (e aberto tamén a non asociados), no que ofrece asesoramento profesional a emprendedores e empresas noveis en materias como uso de novas tecnoloxías e sustentabilidade. Máis polo miúdo, este servizo de consultoría personalizado céntrase en avaliar tres áreas craves nunha empresa: a súa aposta pola innovación e o desenvolvemento, como é a súa implantación tecnolóxica e se desenvolve a súa actividade dunha maneira responsable e sustentable (RSE). Unha vez analizadas estas áreas, informa a asociación viguesa de empresarios novos, a consultora realiza as recomendacións oportunas co fin de optimizar e profesionalizar ao máximo a xestión e incrementar as expectativas de éxito dos proxectos solicitantes.
Os interesados deben tramitar a súa solicitude a través da páxina web da asociación, www.ajegalicia.es, antes do 14 de marzo. O servizo consta de tres partes. En primeiro lugar, o solicitante debe realizar un test no que leva a cabo un diagnóstico inicial do proxecto, a continuación a consultora realiza un plan de acción e, posteriormente, fai un seguimento e peche do proxecto. Cada asesoría está valorada en 400 euros. A iniciativa, xestionada por AJE, insírese no proxecto Punto emprende, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
AJE Vigo ofrece a emprendedores un servizo gratuíto de consultoría en TIC
Compartir Este Artigo
