Telefónica segue adiante coa súa política de alianzas, incorporacións e operacións conxuntas de innovación e desenvolvemento. Se hai uns días falabamos nesta web da adquisición de Axismed, o xigante da e-Saúde en Brasil, esta semana estableceu un acordo de colaboración coa compañía Sprint, empresa centrada na achega de comunicacións fixas e móbiles que conta na súa carteira con 55 millóns de clientes. A alianza selada entre ámbalas partes xorde co obxectivo de dar forma a unha das maiores plataformas de publicidade móbil do mundo.
Máis polo miúdo, a alianza foi establecida entre Telefónica Dixital, a unidade de innovación dixital de Telefónica, e Pinsight Media+, propiedade de Sprint. Segundo fixeron saber, colaborarán para ofrecer ás marcas globais a posibilidade de enviar publicidade selectiva a máis de 370 millóns de clientes de telefonía móbil de Estados Unidos, Europa e Latinoamérica. A través do acordo vanse ofrecer “grandes vantaxes para os anunciantes, que poderán acceder a unha audiencia maior en países chave como Estados Unidos, Brasil, Reino Unido e Alemaña, cunha carteira de formatos publicitarios moi efectivos avalados por un amplo coñecemento dos clientes”, sinalaron. A alianza nace, ademais, co propósito de acadar unha escala maior chegando a outros mercados, facendo especial fincapé en Asia. Lembrar, para quen non o saiba, que Pinsight Media+, propiedade de Sprint, centraliza unha boa parte dos seus esforzos no fornecemento de publicidade selectiva e personalizada nos dispositivos móbiles dos seus clientes. Telefónica, para dar conta de tódolos detalles desta alianza, organizará un acto na edición deste ano do Mobile World Congress sobre a cooperación entre operadores, que incluirá presentacións de Weve e Sprint.
Telefónica e Sprint xuntan azos para crear unha das maiores plataformas de publicidade móbil
Compartir Este Artigo
