Este venres 22 de febreiro o Parque Tecnolóxico de Galicia (a Tecnópole de Ourense) celebra un novo encontro empresarial para a promoción da cultura da innovación aberta. A xuntanza insírese no programa 5 sentidos para Innovar, que deu comezo o ano pasado cunha primeira andaina orientada ás empresas e centros de coñecemento emprazados na Tecnópole. Coa xeira deste venres, o programa ábrese a todo o tecido produtivo galego. O programa e as actividades que o integran foron feitos dende unha arela xeral de innovación, tanto no contido coma na forma (mobilizando e convocando non só a nosa capacidade de comunicarnos e obter coñecemento a través dos ollos, senón coa axuda de tódolos elementos propios da nosa percepción). Ou sexa que máis quen nunca vén a conto a recomendación de que poñamos os cinco sentidos no labor.
En palabras do centro empresarial de San Cibrao das Viñas, o evento presenta “unha dinámica para agudizar os nosos sentidos, para compartir coñecementos, para avanzar e aproveitar as nosas fortalezas e impulsar proxectos colaborativos”. A orixinal formulación dos encontros que centran a iniciativa mereceu o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que a apoia no marco do seu Programa de Fomento da Cultura Científica e da Innovación.
As actividades da xeira deste venres dan comezo ás 9.30 horas, no terceiro andar do Edificio CEI da Tecnópole. Ás 12.15 intervirá o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, xusto antes da intervención de Esperanza Ibáñez, analista de Google, que falará da innovación na súa empresa.
A continuación, damos conta de todo o programa previsto.
· 09:30h | Recepción-inauguración
Ricardo Capilla (director do Parque Tecnolóxico de Galicia)
Espazo Tacto: cuestionemos algúns paradigmas
· 09:45h | Sanyu Karani (CEO de Rconet)
Primeiro Debate
Espazo Oído: Escoitemos o que nos diferenza
· 10:15h | Efectividade en 6 minutos. Bloque I.
Moisés Cid Deza (director xerente IDEIT)
Enrique González (director xerente GEYSA)
Sergio Mourille (responsable de Planta Celcoauto)
Espazo Tacto: cuestionemos algúns paradigmas
· 10:45h | Santiago Vázquez (responsable persoas de R)
Traballo e felicidade ¿por que non? | Segundo debate
11:15h | Pausa Café – Degustación Tecnolóxica no Showroom de empresas.
Espazo Oído: Escoitemos o que nos diferenza
11:45h | Marcelino Otero (conselleiro delegado Contactnova) e
Carlos Suárez (director xerente EDISA)
Espazo Tacto: No branco da innovación
12:15h | Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación
12:30h | Esperanza Ibáñez. senior policy analyst Google
“A innovación en Google”
Espazo Oído: Escoitemos o que nos diferenza
13:15h | Efectividade en 6 minutos. Bloque II.
Juan Castro, director creativo de Enyiris Design Thinking Lab)
José Antonio Losas, director comercial de Conexiona Telecom)
14:00h | Xantar Degustación tecnolóxica (Showroom)
Actividades continuas
O programa de innovación aberta da Tecnópole preséntase este venres ante todo o tecido produtivo galego
Compartir Este Artigo
