
En opinión do equipo de LTK, que se atopa entre os finalistas europeos, o feito de estar coas melloras iniciativas competindo polo premio á mellor aplicación do ano “é unha oportunidade extraordinaria de promoción internacional, xa que estarán presentes moitos dos profesionais e medios especializados máis importantes do eido da mobilidade e o mundo das aplicacións”, comenta Xan Salgado, director da empresa da Coruña.
Para Carles Ferreiro, co-fundador de AppCircus e dos ditos galardóns, estes son “unha mostra das tendencias en creatividade e innovación no universo das aplicacións móbiles en todo o mundo, contribuíndo a pór en contacto o talento mundial no desenvolvemento de apps coas principais empresas e expertos do sector das aplicacións móbiles, que está previsto que alcance os 15 billóns de euros a nivel global en 2015”.
Volvendo ao servizo galego presente neste certame, ombro con ombro cos máis salientables a nivel internacional, sinalar que estamos ante unha aplicación con potencial centralizador para ofrecernos moitas cousas ata o de agora espalladas nun único punto común de servizo e acceso. Máis polo miúdo, o que pon en xogo, a través dunha única xanela, todo aquilo que unha ampla escolma de marcas, medios, revistas ou blogueiros de todo o mundo comparten decote nas rúas redes sociais. Ou sexa, en Facebook, Twitter, YouTube, Instagram, Vimeo e Flickr e RSS. “A app galega”, explican os seus desenvolvedores, “inclúe moitos aspectos vinculados ao concepto de estilo de vida das persoas ofrecendo toda a información (fotos, vídeos e noticias) organizada e accesible nun único lugar, dun modo sinxelo e inmediato”. Deste xeito, os usuarios de Wob Lifestyle poden gardar a información que lles é de interese e facela común cando o desexen e con quen queiran desde o seu teléfono ou tablet Android, desde o seu iPhone ou iPad ou desde o seu Windows Phone.
A app galega Wob Lifestyle está entre as finalistas dos premios Mobile Premier Awards que se resolven hoxe
Compartir Este Artigo
