Como informamos a semana pasada, finalmente houbo presenza galega (e tanto que foi así) entre as iniciativas tecnolóxico-sociais recoñecidas na nova edición (a oitava) dos Premios da Fundación Fundetec. Unha destas iniciativas é o Proxecto Life+ Viñas Atlánticas promovido pola Deputación de Pontevedra, que se impuxo aos seus competidores na categoría Mellor proxecto de entidade pública ou privada destinado a PEME, microempresas e autónomos. O galardón, que foi recibido na gala do pasado 21 de febreiro polo titular da entidade provincial, Rafael Louzán, e polo xefe de servizo de Novas Tecnoloxías, Amancio Varela, representa para a entidade un importante motivo de satisfacción, non só por vir de quen vén, unha fundación que aglutina a boa parte do máis representativo do sector TIC de índole pública e privada, senón tamén porque “certifica que a Deputación está arestora na vangarda da innovación”, sinala a institución pontevedresa.
Durante a entrega de premios, celebrada no Museo do Traxe de Madrid, Louzán agradeceu a Fundetec, e a todos os membros do comité avaliador, o recoñecemento que supón esta distinción ao proxecto Viñas Atlánticas, tanto para a Deputación como para as tres adegas socias do proxecto, Paco y Lola, Condes de Albarei e Martín Códax. “Valoro moi positivamente o galardón”, dixo Louzán “sobre todo por vir de quen vén: unha prestixiosa fundación participada polo sector público (Ministerio de Industria) e o sector privado (a través de empresas tan relevantes como Google, Telefónica, O Corte Inglés, Intel, HP, Ono, Indra e Hibu) para estimular proxectos en favor do uso xeneralizado das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) por parte de cidadáns, empresas e institucións”.
Ao seu xuízo, as expectativas iniciais con respecto a este proxecto, víronse moi superadas. De feito, non se agardaba obter o éxito acadado nin o ronsel de recoñecementos que o acompañaron, un ronsel que comezou cos premios Galicia de Telecomunicacións 2012 ao obter a distinción de Produto o Servizo TIC máis innovador e proseguiu nos Premios EGANET 2012 como Mellor proxecto colaborativo entre empresas. Por este motivo, afirmou “estes premios, xunto co de hoxe, anímannos a seguir na vangarda da innovación tecnolóxica e a liderar novos proxectos nesta mesma liña que espero que o ano que ven volvan a merecer a consideración da Fundación Fundetec”.
Finalmente, Louzán dedicou o premio ás adegas implicadas tras recoñecer que “todo isto non sería posible sen a implicación das tres adegas asociadas, dos seus xerentes e técnicos, e, sobre todo, sen a decidida e entusiasta colaboración dos miles de viticultores das Rías Baixas”. Máis que nada, fixo saber, “porque entenderon algo que hoxe é fundamental: as inversións xa no só no ladrillo e cuestións tanxibles, senón en Investigación, en coñecemento e no intanxible. Porque comprenderon, en definitiva, que hoxe o soporte é a Rede e o mercado”.
O proxecto LIFE+ Viñas Atlánticas
O proxecto LIFE+ Viñas Atlánticas, desenvolvido en colaboración coas adegas Martín Codax, Condes de Albarei e Paco & Lola e con financiamento da Unión Europea no marco do programa LIFE +, é, en palabras da Deputación de Pontevedra, o proxecto de viticultura intelixente máis innovador que se leva a cabo actualmente en España. 
Como lembraremos, ten como obxectivo desenvolver un Sistema de Xestión Medioambiental sostible e produtivo para os viñedos da DO Rías Baixas o viño albariño, que prevé, con anticipación, a aparición do fungo do mildiu. Está composto de tres partes principalmente:
· Unha rede meteorolóxica, formada por estacións meteorolóxicas e unha rede sensorial sen fíos de última xeración (WSN), que consta de puntos de medida e equipos concentradores comunicados mediante o protocolo ZigBee, que á súa vez envían a información para ao CPD da Deputación empregando a tecnoloxía WiMAX da rede Repoblar posta en marcha pola propia Deputación no marco doutro proxecto europeo.
· Un modelo matemático de análise do ciclo biolóxico do fungo mildium.
· Unha plataforma web (multidispositivo) de xestión que integra toda a información recollida cunha rede meteorolóxica e co modelo matemático para medir o nivel de risco do fungo, así como para permitir aos viticultores ter todos os datos da campaña nun libro de explotación en formato dixital.
“O resultado”, informa a Deputación, “é un Sistema Integrado de Xestión no que os medios tradicionais de realizar viticultura nas Rías Baixas se vinculan co uso das novas tecnoloxías para mellorar habilidades de xestión, comunicación e información, e para obter melloras na sustentabilidade ambiental e económica nun sector tan importante para Galicia como é o vitivinícola”.
Fundetec
Fundetec é unha fundación (con sede en Madrid) para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedades creada en 2004 con presenza do sector público (Ministerio de Industria) e o sector privado, concretamente as empresas Google, Telefónica, El Corte Inglés, Intel, HP, ONO, Indra e Hibu. A fundación xorde como resultado dun esforzo conxunto entre a Administración Pública e o sector privado para impulsar a adopción e o uso xeneralizado das TIC por parte de cidadáns, empresas e institucións, e incrementar o uso de Internet nos fogares españois e nas PEME. No ano 2005, esta fundación creou os premios Fundetec co obxectivo de recoñecer proxectos das Administracións Públicas e das entidades privadas.
Entrega de Premios Fundetec 2012
A cerimonia de entrega da VIII edición dos Premios Fundetec 2012 tivo lugar no Museo do Traxe de Madrid, nun acto que contou coa presenza de máis de 200 persoas, entre elas representantes das Administracións Central, Autonómica e Local e executivos de empresas, fundacións e asociacións de primeiro nivel. Este ano contouse por primeira vez coa participación das 17 comunidades autónomas de España. As que presentaron un maior número de proxectos foron a de Madrid con 73 proxectos, seguida a gran distancia por Andalucía, con 28 proxectos, Cataluña con 25 e Castela e León con 20. No caso de Galicia presentáronse 14 proxectos. En total achegáronse 216 candidaturas.
O xurado encargado de elixir os proxectos gañadores de entre as 216 candidaturas estivo formado por Víctor Calvo-Sotelo, presidente de Fundetec e secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información; Ignacio Tremiño, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Manuel Mañas, vicerreitor de Innovación da Universidade Complutense de Madrid; José Luis Virumbrales, vicepresidente da Asociación Española de Parques Tecnolóxicos; José Manuel Vilar, director xerente de CEPYME; Enrique Muñoz, director de Marketing e Relacións Institucionais de Informática El Corte Inglés; e Miguel Ángel Turrado, director de Estratexia e Tecnoloxía de Hewlett-Packard España.
Os catro proxecto gañadores en cada categoría foron:
· A Dirección Xeral de la Policía (DGP) co proxecto Policía 2.0, na categoría de mellor proxecto de entidade pública ou privada destinado ós cidadán.
· A Deputación de Pontevedra co proxecto Life+ Viñas Atlánticas, na categoría de mellor proxecto de entidade pública ou privada destinado a PEME, microempresas e autónomos.
· A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) co proxecto Destino Emprego, na categoría de mellor proxecto de entidade non lucrativa destinado ós cidadáns.
· A Organización dos Artesáns de España co proxecto Talleres abiertos na categoría de mellor proxecto de entidade non lucrativa destinado a PEME, microempresas e autónomos.
Os catro gañadores recibiron como premio o trofeo Xogo na Rede, un mosaico de vidro esmaltado sobre madeira, exemplar exclusivo creado polo artista José Luis Berrocal. A obra está inspirada no xogo do parchís cuxo obxectivo é acadar a arroba central, que representa a Sociedade da Información. Así mesmo, fíxose entrega ás dúas entidades sen ánimo de lucro dun cheque por valor de 15.000 euros.
A clausura correu a cargo do secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, e presidente de Fundetec, Víctor Calvo-Sotelo, quen asegurou que “ante os retos requírese enxeño e creatividade, e iso é o que demostraron todos os premiados co recoñecemento de Fundetec. Precisamente, na Axenda Dixital que acabamos de presentar sinálase como un dos obxectivos principais impulsar a inclusión e alfabetización dixital. Neste sentido, a colaboración público-privada, da que Fundetec é un referente, é imprescindible para seguir avanzando cara a unha sociedade dixital”.

A Deputación de Pontevedra valorou moi positivamente o galardón obtido polo proxecto de seu Life+ Viñas Atlánticas
Compartir Este Artigo
