Un ano máis o premio Celanova, casa dos poetas quere recoñecer o labor a prol da cultura galega en todos os seus eidos. Neste ano 2013 o galardón irá parar a mans da empresa R, operadora galega de comunicacións por fibra óptica. O premio -organizado pola Fundación Curros Enríquez de Celanova (Ourense)- consta dunha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano, que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez e pola outra cinco “C” que simbolizan a letra pola que comezan os elementos identificativos deste premio “Casa, Curros, Celanova, Castor e Celso”. Engadir, para aqueles que o descoñezan, que o nome de “Castor” refírese a Castor Elices -poeta romántico contemporáneo de Curros- oriúndo tamén de Celanova. Pola outra banda está o nome de “Celso”, pertencente ao tamén poeta Celso Emilio Ferreiro.
Emporiso, a empresa R recibirá tamén unha placa de prata cun resumo da acta do acordo, para dar fe da concesión do premio. Así, no acto de entrega, o premiado asina no libro de honra do premio, adoitando a deixar unha frase para o recordo.
E cando se dará a coñecer de xeito oficial o premio? Pois será arredor do día 7 de marzo, coincidindo co cabodano do falecemento de Manuel Curros Enríquez, sendo a entrega do mesmo o primeiro domingo de setembro (inmediato ao día 31 de agosto), data do finamento de Celso Emilio Ferreiro; tentando unir así, as datas referenciais das dúas figuras máis sobranceiras das letras de Celanova.
E quen será o xurado deste galardón? O xurado estará composto de maneira exclusiva polo Padroado da Fundación Curros Enríquez, presidido polo alcalde de Celanova e da que forman parte representantes de diversas institucións e entidades galegas, amais de xentes de diversos ámbitos culturais e sociais de Celanova, tendo como figura máis salientable a do escritor orixinario de Vilanova dos Infantes, Xosé Luís Méndez Ferrín.
Como curiosidade citar a algúns dos agasallados con este recoñecemento, figuras tan senlleiras como: Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Ricardo Carvalho Calero, Ánxel Fole, o grupo Milladoiro, Isaac Díaz Pardo, Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Luís Tosar…
A empresa R recoñecida co premio Celanova, casa dos poetas grazas ao seu apoio e difusión do galego
Compartir Este Artigo
