Temos cita o vindeiro 13 de marzo, en Santiago, coa tecnoloxía dunha das empresas máis representativas, por experiencia e presenza en países e mercados, do sector das novas tecnoloxías de información: Cisco. A xuntanza cos máis recentes recursos desta empresa en materia de redes desenvolverase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar, de 10:00 a 13:30 horas. A cita, un seminario técnico, xirará arredor do despregue dunha solución de VoIP con tecnoloxía de Cisco (CUCM, Cisco Unified Communications Manager). Lembrar, para quen non o saiba, que VoIP significa Voz sobre Protocolo de Internet, e trátase dunha modalidade de tecnoloxías que fan posible que o sinal de voz viaxe a través de Internet.
Sinalar que esta xornada é a segunda dun ciclo de conferencias centradas en VoIP con recursos da dita compañía, a desenvolver ao longo do programa formativo 2012/2013, e que versarán sobre aspectos relacionados cos fundamentos da telefonía co devandito protocolo (primeira conferencia, xa celebrada), a implementación de telefonía IP nunha contorna corporativa e, finalmente, a seguridade en VoIP.
O relator da xornada será Javier Novoa, doutor en Informática pola Universidade de A Coruña, onde é profesor do departamento TIC na área de Telemática e imparte as materias de Redes en Enxeñería Informática e Seguridade de Sistemas da Información no Máster de Enxeñería Informática. Javier Novoa é formador do Grupo Academia Postal para o programa Cisco Networking Academy dende o ano 2000, impartindo cursos de CCNA Discovery, CCNA Exploration, CCNA Security e CCNP. Posúe, entre outras, as certificacións de CCNA, CCAI, CCDA e CCNP.
Os contidos a tratar centraranse fundamentalmente na xestión de usuarios e teléfonos, na configuración de plans de chamada, a integración de funcionalidades de mobilidade, a configuración de funcionalidades de produtividade e a integración CUCM con CUC (Cisco Unity Connection).
A xornada está dirixida sobre todo a persoal técnico das áreas de informática, electrónica e telecomunicacións non especialista no eido da VoIP: Analistas e administradores de sistemas, enxeñeiros/as de software, técnicos de operación e mantemento, administradores/as de bases de datos, programadores/as etc .. interesados en coñecer as tecnoloxías propias da telefonía IP.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 12 de marzo.
A tecnoloxía de Cisco en materia de VoIP, polo miúdo o 13 de marzo no CNTG de Santiago
Compartir Este Artigo
