O proxecto Galaxia Tales xa non é só noso: vai ser de todo o mundo. Así nolo contan fontes da editorial galega, responsable desta web de contos interactivos en liña, que foi presentada os días pasados en Cuba, no marco da novena edición do Encontro de Literatura Infantil e Xuvenil, inserida á súa vez na Feira do Libro da Habana. A presentación veu da man do escritor cubano Joel Franz Rosell, autor dun dos relatos multimedia incluídos no proxecto galego, Así comezaron as aventuras de Rosa dos Ventos e Xan Pericán. Segundo fai saber a editorial, a iniciativa Galaxia Tales gustou, e moito. Isto, din, ficou patente na boa cantidade de persoas que se deron cita na posta en longo e máis no coloquio posterior, onde se fixo fincapé na novidade e orixinalidade do produto.
“Comentouse tamén a agradable sorpresa que supuña o feito de que un editor tradicional como é Galaxia non tivese medo algún en publicar primeiro o conto en formato dixital e só despois como libro impreso, pois esta é a intención de Galaxia con este conto de Joel Franz Rosell”, engade Francisco Castro, editor da sección de Infantil e Xuvenil do selo vigués.
Por certo que o devandito autor cubano desprazarase tamén ao segundo Congreso Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil (CILELIJ), onde amais de falar nunha mesa redonda sobre literatura para a nenez, aproveitará para presentar novamente Galaxia Tales. Como lembraremos, esta é unha achega dixital de relatos para a cativada, listos para seren visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet. A páxina, que abre novos camiños para o achegamento da cultura á cidadanía (neste caso a cidadanía de menor idade), fornece contos en galego, castelán e inglés. Estas achegas non só conteñen animacións, senón tamén música orixinal e locución nas tres linguas para que poidan ser gozadas de moitas maneiras.
Segundo informa Galaxia, os relatos nacen cun prezo simbólico de 2,42 euros e dende a web existe a posibilidade de, antes de mercar, visualizar aproximadamente un 20 por cento de cada conto.
O proxecto complétase con fondos de escritorio, láminas para colorear e extras relacionados cos autores, ilustradores e actrices de dobraxe que participan no proxecto. Galaxia Tales arrincou con dúas achegas: Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
A web de contos interactivos de Galaxia preséntase na Feira do Libro da Habana
Compartir Este Artigo
