Cando se considera que un teléfono móbil, un computador ou calquera aparello electrónico que nos rodea chegou ao remate da súa vida útil? Esta pregunta debería ser feita por moitos dos usuarios de tecnoloxía que fan dos avances neste eido unha moda. Cómpre actuar dun xeito máis racional. Mudar de móbil cada mes, tirar ao lixo o noso computador en perfecto estado… estes e outros actos irresponsables tradúcense nun proceso creador de refugallos que vai en aumento dun xeito preocupante. Como exemplo abonda dicir que en España son xa 200.000 toneladas anuais as que se xeran deste tipo de lixo, sendo o 85% tratadas de maneira inadecuada. Perante este panorama tan desacougante chega o proxecto EcoRaee, unha idea galega que propón reutilizar fronte a reciclar.
Así, trátase de demostrar que aumentar a vida útil dos aparellos eléctricos e electrónicos é unha solución viable económica, técnica e ambientalmente para este tipo de residuos, que representan o 4% do total do lixo xerado en Europa, supoñendo isto unha importante fonte de contaminación debido a algúns dos seus compoñentes (chumbo, mercurio, silicio, ouro ou prata). Cómpre dicir que esta iniciativa ten o apoio da Unión Europea e está coordinada pola Universidade de Vigo, participando tamén a empresa Revertia e o centro EnergyLab.
O EcoRaee terá tres anos de duración e un orzamento de 1.269.155 euros (o 50% financiado por Europa), a dita iniciativa -aprobada xa no verán- botaba a andar o venres 22 de febreiro en Vigo coa celebración do primeiro panel de expertos, no que participaron 30 técnicos de toda España así como avaliadores europeos. Asemade, a EcoRaee é tamén unha aposta pola colaboración con empresas e diferentes parceiros da Universidade: os departamentos de Dereito Ambiental, Economía Aplicada e grupo REDE, Enxeñaría Informática, Eléctrica e Mecánica e a Oficina de Medio Ambiente.
Emporiso, amais de promover o consumo responsable deste tipo de produtos tecnolóxicos, o devandito proxecto busca alongar a vida destes produtos, buscar a súa eficiencia, empregar partes que serven, etc. Apostar por esta industria suporía unha redución dos residuos, do CO2 e dos consumos de materias primas amais doutro aspecto ben importante como é beneficiar e protexer a terceiros países menos desenvolvidos, pois estanse a enviar residuos altamente contaminantes a partes do mundo en vías de desenvolvemento.
Bota a andar o Proxecto EcoRaee, unha iniciativa responsable para reutilizar os aparellos electrónicos
Compartir Este Artigo
