Case con toda seguridade, as empresas do sector das telecomunicacións e Internet en España estean arestora obrigadas a reelaborar, reformular e reestruturar os seus servizos de atención ao cliente, o seu labor de publicidade e marketing e as súas comunicacións cos usuarios. Algo lles falla, a nivel xeral, cando a maior parte da cidadanía non dubida en asegurar que todas lle parecen iguais en servizos e fiabilidade: ou sexa, iguais de trapalleiras, por non dicir algo peor. Claro está que logo hai diferenzas, e na nosa terra temos unha das compañías que máis confianza xera. Falamos de R. Pero a nivel xeral, a cousa está precaria. Así nolo certifica a empresa GfK nun estudo recente de seu sobre a nosa valoración das firmas do sector. Segundo se informa, en España só un 37% da poboación confía nelas. Isto sitúa ao tecido das telecos na penúltima posición do ranking.
A escala mundial estas empresas tamén se atopan na mesma posición. “A diferenza fundamental radica en que máis do 60 por cento dos entrevistados indica confiar nelas, dato de abondo positivo”, informa GfK no seu estudo, feito sobre un eido de traballo de 11 áreas de negocio de 25 países. Se comparamos os resultados locais (españois) co resto dos Estados incluídos na investigación, as telcos e as compañías de internet atópanse a 23 puntos por baixo da media mundial, unha situación que se mantivo estable en relación cos últimos datos de 2011. Por nacións, unicamente as persoas consultadas en Xapón (35%) e Brasil (36%) teñen un nivel de confianza por baixo do rexistrado en España. O estudo GfK Trust Index 2013, por certo, incluíu entrevistas con 28.000 persoas en 25 países entre setembro e novembro de 2012, sendo o resultado unha listaxe de sectores máis ou menos fiables (de máis a menos) que en España está encabezada polos traballadores de oficios (fontaneiros, carpinteiros, electricistas e pintores), seguidos pola distribución e os fabricantes de alimentos. Os bancos e aseguradoras, as empresas de telecomunicacións e internet e as liñas aéreas, por outra banda, ocupan as últimas posicións no nivel de fiabilidade para os españois.
O sector das telecomunicacións, entre os menos fiables para os españois
Compartir Este Artigo
