
Máis polo miúdo, os internautas que reúnen fondos no dito servizo foron quen, xa, de evitar o desaloxo da familia Varela da súa casa de Miño, unha familia que, como tantas outras da nosa terra, viuse imposibilitada de achegar os pagos da súa hipoteca á entidade financeira correspondente por mor dunha situación produtiva e laboral que, casualmente, veu derivada en parte por unha mala xestión xeral das entidades financeiras. O sistema de Doafund.com permitiu a esta familia habilitar un perfil de seu, á vista dos internautas-colaboradores, solicitando 286 euros para pagar unha mensualidade da hipoteca e acadar un pequeno aprazamento, un respiro. As axudas chegaron de xeito inmediato procedentes de varias ducias de persoas de toda España, conseguindo que se adiase o proceso de desafiuzamento.
Como lembraremos, detrás deste servizo (elixido recentemente para para participar nunha lanzadeira europea tecnolóxico-social, UEIA), hai mans galegas. Máis polo miúdo as de Fernando Sierra e >Luis Jiménez, que recentemente definiron o seu proxecto, agora unha realidade, como “un proxecto social sostible para evitar que a xente sexa expulsada dos seus fogares por mor da crise”. Así, “xurdiu pois como necesidade social fronte ao modelo tradicional de ONG, asociacións que a día de hoxe soen ter problemas de financiamento debido á dependencia de fondos públicos”, engaden.
A iniciativa-web, que por agora só se achega aínda en castelán (aínda que estamos seguros que en breve recibirá a inclusión das outras linguas oficiais do Estado, cómpre ter en conta que estamos a falar dun sitio en beta), é unha iniciativa empresarial pero tamén unha fronte de acción social. Segundo nos contaron hai unhas semanas os seus responsables, estamos ante un “proxecto sostible dende o punto de vista económico que acada unha innovación transformadora de carácter tecnolóxico ao pór en marcha a súa actividade por medio da web e as redes sociais”.
O servizo de raizame galega Doafund.com comeza xa a impedir o desaloxo de familias dos seus fogares
Compartir Este Artigo
