Case todos os especialistas galegos en métodos para incrementar o desenvolvemento económico rendible e sustentable coinciden no seguinte punto: cómpre traballar máis e mellor para que as empresas colaboren, ombro con ombro, cos centros de I+D e universidades. A listaxe de vantaxes que se poden tirar dunha relación máis estreita entre estes sectores é infinita, pero cómpre salientar as seguintes: máis posibilidades de inserción laboral para estudantes, máis fluxo de coñecemento, maiores opcións para rendibilizar e estender a ampla experiencia investigadora que abrolla dos centros de I+D, etc. Precisamente nesta liña de incrementar o contacto é onde se insire o proxecto Cátedra Tecnópole, posto en marcha polo Parque Tecnolóxico de Galicia e no que poden participar empresas e centros tecnolóxicos emprazados no seu seo. O prazo para inscribírense remata o 4 de marzo.
A Cátedra, dirixida a impulsar iniciativas conxuntas de I+D+i con grupos de investigación da Universidade de Vigo, iniciouse en 2012 coa colaboración entre oito empresas e dous centros tecnolóxicos do complexo empresarial ourensán con investigadores da devandita institución educativa galega en proxectos de diversos eidos de coñecemento. Os promotores dos proxectos postos en marcha a partir da convocatoria do ano pasado foron as empresas Formato Verde, Intellectia Bank, Conexiona, Ideit, Enyiris, Contact Comunicación, Redegal e Telémaco, xunto co Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC).
En total, informa Tecnópole, dez universitarios colaboraron con estas empresas durante 2012, sendo as súas vantaxes moitas a ter en conta: “Tanto os estudantes como as empresas e os centros tecnolóxicos participantes na iniciativa valoraron moi positivamente a experiencia e deron por satisfeitas as súas expectativas”.
As empresas e os centros de I+D xa poden presentar iniciativas na Cátedra Tecnópole
Compartir Este Artigo
