O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza en Santiago de Compostela, durante esta fin de semana e máis a seguinte (en horario de venres tarde e sábado pola mañá), un curso sobre unha das ferramentas tecnolóxicas que máis está chamada a superar os embates do paso do tempo, especialmente duros e imprevisibles no eido dixital. Falamos do sistema operativo Android. Os contidos teóricos e prácticos do curso correrán a cargo da prestixiosa firma catalá de desenvolvemento de aplicacións móbiles Slash Mobility.
A acción formativa desenvolverase no Gran Hotel Santiago (Avenida Mestre Mateo 27) e comezará mañá venres 1 de marzo, en horario de 16 a 21 horas, para continuar o sábado 2 en horario de 9 a 14 horas. Como dixemos, o ciclo formativo continuará a seguinte fin de semana cos mesmos horarios e lugar de celebración.
Para o CPETIG, non hai dúbida posible sobre o valor dunha acción formativa como a devandita que se centre no sistema operativo de Google, unha ferramenta que ten a gran vantaxe de ser libre (está baseada en Linux), polo que as posibilidades de traballo e acceso sobre ela e arredor dela son enormes. Segundo informa o colexio facéndose eco dos datos do último estudo de mercado realizado pola consultora Kantar Worldpanel, oito de cada dez smartphones adquiridos en España entre setembro e decembro do pasado ano contaban co sistema operativo Android, seguido moi de lonxe do software de Apple, Blackberry, Nokia e Windows. “Este dato ven a destacar a importancia de realizar ciclos formativos como o que pon en marcha o CPETIG xa que constitúen un importante nicho de mercado para diversos profesionais das TIC (programadores, deseñadores, analistas, enxeñeiros informáticos, xefes de proxecto…)”, informan fontes do colexio profesional galego. E proseguen: “Ademais, hai que ter en conta que os teléfonos intelixentes xa supoñen o 45% do parque de terminais móbiles en España, e que a súa implantación non deixará de medrar nos vindeiros anos co cal, de seguir nas actuais porcentaxes de implantación dos sistemas operativos Android nos smartphones, cursos como este desenvolvido polo CPETIG son fundamentais para aquelas persoas que desexen ampliar o seu coñecemento e habilidades nunha tecnoloxía tan emerxente e demandada”.
Programa
O curso terá unha duración de 20 horas e contará con máis de 32 exemplos prácticos. Nunha primeira parte, realizarase unha introdución de todo o conxunto de tecnoloxías que forman Android para pasar, logo, a avaliar cada un dos seus compoñentes de xeito separado e como interactúan entre eles para desenvolver aplicacións. “Unha vez que o asistente teña unha visión de conxunto sobre os fundamentos esenciais de Android”, explica o colexio, “amosaránselle aspectos como o xeito en que as aplicacións comunícanse entre si para, posteriormente, abordar o tema da seguridade, tanto no momento do desenvolvemento das aplicacións como na execución destas”.
Comeza este venres en Santiago o curso sobre Android que organiza o CPETIG
Compartir Este Artigo
