O empresario galego Víctor Ayán, un dos grandes responsables da iniciativa de mercado ePocketGuide, que dá nome a unha guía de viaxes para teléfonos móbiles con múltiples vantaxes e utilidades para quen ande dun lado para outro, falará da súa experiencia no eido tecnolóxico-dixital galego no Centro Universitario Riazor, dentro do programa de Empregabilidade Laboralia, xestionado pola Fundación Universidade da Coruña. A cita é no dito centro coruñés, este venres día 1 de marzo a partir das 12 horas. Cómpre lembrar que Ayán e o seu equipo (Petrilla Tech) gañaron recentemente o premio Emprendedor TIC da asociación EGANET, e é precisamente a súa faceta como emprendedor a que vertebrará boa parte do seu relatorio. De feito, falará aos universitarios sobre os riscos e oportunidades que supón botarse ao mercado hoxe en día, facendo fincapé nas claves para sacar un proxecto adiante e as maneiras de rendibilizalo como fonte de ingresos e de postos de traballo.
Claves que, en boa medida, pasan pola procura dun equipo profesional axeitado cos que se comparta enerxía e crenza nunha idea concreta: a do propio proxecto empresarial e o seu éxito. No caso de Ayán, este proxecto é precisamente ePocketGuide, unha guía que, malia non estar aínda a pleno rendemento, non fai máis que espertar interese alí onde se presente ou se fala dela, tal e como sinalamos hai pouco en Código Cero. Ayán recordounos daquela que a iniciativa, malia ser nova, naceu xa hai dous anos e co obxectivo cubrir un baleiro ben definido: o dunha ferramenta específica e realmente útil para o viaxeiro. Logo disto, veu unha etapa de investigación e, paseniño, foi medrando a idea de converter o proxecto dun negocio, tal foi o potencial de mercado que desenvolveu. Potencial que Ayán cualificou de “infinito”.
O proxecto consiste, máis polo miúdo, na creación dunha aplicación móbil, “sinxela e completa”, que permita ter todo o preciso para levar a cabo o que poderíamos cualificar de viaxe perfectamente preparada e desenvolvida (con toda a marxe natural de imprevistos que de xeito inevitable poden xurdir). O caso é que a través de ePocketGuide achégasenos información, posibilidade de reservar hoteis e actividades de lecer, todo por medio dunha única xanela: a pantalla do móbil.
Victor Ayán falará este 1 de marzo ante os estudantes da Coruña da súa experiencia á fronte de ePocketGuide
Compartir Este Artigo
