Da man de Fabián Plaza, avogado e membro do partido Piratas de Galicia, chegounos esta semana unha interesante proposta para limitar a corrupción e incrementar a transparencia da xestión pública a través do uso das novas tecnoloxías da información. A medida, materializada pola plataforma cidadá Grava o teu Pleno e apoiada pola dita agrupación galega, consiste nunha proposta para os Gobernos locais de todo o Estado, co fin de que aproveiten a oportunidade que as redes lles brindan en materia de achegamento á cidadanía. A nivel galego, estas entidades xa contactaron cos equipos de goberno de Santiago, Vigo, Coruña e Ourense, convidándoos a rexistrar e emitir (streaming) en Internet os seus plenos municipais. “Deste xeito”, cóntanos Fabián, “nada se faría ás costas dos habitantes, e reduciríanse as decisións arbitrarias ou pouco axustadas a Dereito; nos tempos que corren, en que os casos de corrupción abundan, cremos que isto resulta case indispensable”.
Unha das grandes vantaxes desta iniciativa para os Concellos, cuxas contas adoitan estar nestes tempos en estado crítico, é que a súa aplicación non lles implicaría gasto algún. Polo tanto, informan os Piratas de Galicia, non debera haber problema orzamentario para aprobar a proposta, só vontade política. Cómpre sinalar que hai precedentes galegos neste tipo de actividades, precedentes que poñen a Lugo na vangarda da comunicación dixital coa cidadanía. Como lembraremos, o alcalde da cidade da Muralla, José López Orozco, foi pioneiro á hora de empregar o blogomillo para recibir suxestións e propostas dos seus veciños, primeiro cun blog de seu e logo converténdoo nun videoblog. De xeito complementario, a Deputación Provincial puxo en marcha recentemente un proxecto que é moi semellante ao que vén agora da man de Grava o teu Pleno, e que consiste precisamente niso: en achegar unha xanela en liña ás xuntanzas de goberno do órgano provincial. A xuízo dos Piratas, demostrouse que “é posible levar a cabo esta iniciativa”. A intención da agrupación política galega, sobre a base disto, é colocar á nosa terra na vangarda do Goberno Aberto, que consiste nun uso eficaz en rendible das novas tecnoloxías para achegar as institucións á cidadanía e traballar a prol da transparencia e a participación. Volvendo ao caso da Deputación de Lugo, de novo podemos botar man dun proxecto seu recente para entender a filosofía deste movemento: a apertura dos procesos orzamentarios de seu á concorrencia directa dos veciños da provincia, unha iniciativa da que tamén falamos en detalle en Código Cero.
“A nosa iniciativa” engade o grupo político, “busca con isto reducir a distancia social que hai entre a clase política e a cidadanía, que cada vez sente menos representada polos seus cargos electos; así ao facilitarse o acceso á actividade consistorial, Piratas de Galicia cre que a xente sentirá unha maior proximidade cos políticos municipais”. E engaden, facendo referencia aos recursos a prol da boa xestión que se poñen en xogo: “Para os impulsores do proxecto isto tamén mellorará a transparencia institucional, nun momento clave en que cada vez aparecen máis casos de corrupción; o feito de que os Plenos sexan accesibles por calquera, e que quede un rexistro claro do que dixo e votou cada participante, fará que a toma de decisións sexa menos opaca e, por tanto, que haxa menos corrupción.
Unha proposta sen problemas económicos ou técnicos
Segundo os artífices da idea, non debería haber ningún problema para adoptala, xa que os requisitos son practicamente nulos. Non hai ningún custo no que se refire aos programas usados, xa que existen moitas versións totalmente gratuítas. Respecto ao material técnico, as novas tecnoloxías permiten levar a cabo o proxecto ata cun simple teléfono móbil. Por se quedase algún reparo, os expertos de Piratas de Galicia ofrecéronse na iniciativa a proporcionar os coñecementos técnicos que fagan falta e mesmo a instalar os programas e ensinar a usalos ás localidades interesadas.
Piratas de Galicia convida aos Concellos galegos a ofrecer os seus plenos en Internet
Compartir Este Artigo
