Calquera tempo vivido para pór en marcha unha iniciativa empresarial ten amosado complexidades, pero se cadra este tempo que estamos a vivir teña, máis que ningún outro recente, feitura de costa arriba. Cómpre achegar, polo tanto, métodos e servizos que axilicen o proceso e poñan en contacto aos estudantes e titulados co mercado pero sen perder o espírito de innovación e creatividade que adoita ser o alicerce dos grupos de investigación universitarios. Este é, precisamente, o piar dun novo acubillo empresarial posto en marcha na nosa terra. Falamos da preincubadora universitaria do Campus de Ourense, emprazada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), é dicir, no que ben se podería definir como cerne da innovación empresarial galega.
Trátase, máis polo miúdo, dunha iniciativa a dúas mans: a Universidade de Vigo (da que depende o Campus de Ourense) e o devandito complexo tecnolóxico de San Cibrao das Viñas. O seu nome será Piuvi-Tecnópole Ou. Os estudantes dos campus da UVigo e os seus egresados teñen de prazo ata o vindeiro 29 de abril para presentar a súa idea de negocio e optar a ocupar un dos primeiros catro niños que ofrece a lanzadeira. Na presentación desta nova iniciativa, celebrada este xoves 28, participaron o reitor Salustiano Mato, a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Antonio Varela, o director-xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla, a secretaria xeral da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, Victoria Rois, e unha das máximas responsables da Confederación Empresarial de Ourense, Nani Regueira.
Segundo explicaron as entidades promotoras, os niños dispoñibles, que poderán ocuparse por un período de 6 meses prorrogable ata un ano, estarán emprazados na sala de coworking da Tecnópole ou en locais libres do edificio CEI, atendendo ás necesidades de cada proxecto. O Parque Tecnolóxico de Galicia subvencionará o 100% do canon de uso das infraestruturas nas súas instalacións, o uso gratuíto do Wi-Fi, o consumo de electricidade e o acceso a servizos comúns. O gañadores dos espazos tamén se poderán beneficiar de actividades de formación e asesoramento gratuítos ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense. Unha vez constituída a empresa, o emprendedor terá un prazo máximo de catro meses para abandonar a preincubadora. As ideas achegadas poden proceder de calquera das pólas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade, como son Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.
Tecnópole e UVigo dan a coñecer as posibilidades de medre da súa incubadora universitaria común
Compartir Este Artigo
