O pasado sábado 2 de marzo rematou a primeira parte do curso sobre o sistema operativo Android organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en Santiago de Compostela. A actividade formativa, dirixida achegar aos nosos profesionais os segredos, vantaxes e potencialidades do sistema operativo de meirande proxección futura en todo tipo de móbiles, terá continuidade a vindeira fin de semana, o 8 e 9 de marzo, (en horario de venres tarde e sábado pola mañá). Durante as primeiras xeiras desenvolvidas polo CPETIG, nas que participaron máis de 20 profesionais, levouse a cabo unha introdución de todo o conxunto de tecnoloxías que forman o paquete libre Android para pasar, logo, a avaliar cada un dos seus compoñentes de xeito separado e como interactúan entre eles para desenvolver aplicacións.
A acción formativa sobre estas ferramentas impulsadas por Google desenvolveuse, ao igual que o fará vindeira fin de semana, no Gran Hotel Santiago (Avenida Mestre Mateo 27). Nas seguintes citas, as do 8 e 9 de marzo, abordaranse no curso formativo cuestións como as visións de conxunto sobre os fundamentos esenciais de Android, ou o xeito en que as aplicacións comunícanse entre si. Os relatores-profesores tamén incidirán nun tema de gran interese, para usuarios, desenvolvedores e empresas subministradoras de aplicacións, o tema da seguridade, tanto no que se refire ao momento do desenvolvemento das aplicacións como na execución das mesmas.
Como dixemos os días pasados, o curso é de especial valor para os seus impulsores, os membros do colexio profesional de enxeñeiros técnicos en Informático. Así, a xuízo do CPETIG, non hai dúbida posible sobre o valor dunha acción formativa como a devandita que se centre no sistema operativo de Google, unha ferramenta que ten a gran vantaxe de ser libre (está baseada en Linux), polo que as posibilidades de traballo e acceso sobre ela e arredor dela son enormes. Segundo informa o colexio facéndose eco dos datos do último estudo de mercado realizado pola consultora Kantar Worldpanel, oito de cada dez smartphones adquiridos en España entre setembro e decembro do pasado ano contaban co sistema operativo Android, seguido moi de lonxe do software de Apple, Blackberry, Nokia e Windows. “Este dato ven a destacar a importancia de realizar ciclos formativos como o que pon en marcha o CPETIG xa que constitúen un importante nicho de mercado para diversos profesionais das TIC (programadores, deseñadores, analistas, enxeñeiros informáticos, xefes de proxecto…)”, informan fontes do colexio profesional galego. E proseguen: “Ademais, hai que ter en conta que os teléfonos intelixentes xa supoñen o 45% do parque de terminais móbiles en España, e que a súa implantación non deixará de medrar nos vindeiros anos co cal, de seguir nas actuais porcentaxes de implantación dos sistemas operativos Android nos smartphones, cursos como este desenvolvido polo CPETIG son fundamentais para aquelas persoas que desexen ampliar o seu coñecemento e habilidades nunha tecnoloxía tan emerxente e demandada”.
O CPETIG introduciu aos nosos profesionais nas opcións de deseño de novas aplicacións que achega Android
Compartir Este Artigo
