Os contidos transmedia (contidos que tiran o máximo partido das canles dixitais e as tradicionais), a televisión social (colaborativa e con vertente cidadá, ao estilo das comunidades 2.0 da Rede) e a análise dos novos hábitos de consumo (xa non somos os espectadores que eramos antes) serán os grandes eixes temáticos dun dos encontros profesionais galegos máis interesantes da tempada, xa non só por tocarnos preto tematicamente en Código Cero, senón a nivel xeral. A fin de contas, todos somos en maior ou menor medida espectadores. A cita vén da man da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e celébrase o día 12 de marzo, baixo o título Efectos da dixitalización na industria e os mercados audiovisuais.
A xornada, que se leva a cabo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago (en horario de 10.00 a 19.30 horas), conta co apoio orzamentario do MCU (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte) EGEDA (Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais) e máis da USC (Universidade de Santiago de Compostela).
A continuación, damos conta do programa:
10:00-11:30 – Contidos transmedia e e Social TV – por Eduardo Prádanos (director CSU experto en televisión social e novas narrativas audiovisuais, consultor e blogueiro)
12:00-13:00 – Creación e Innovación en Contidos Dixitais – por José Antonio Velo (CEO de Astragalo Studio)
16:0-17:30 – Os Novos Retos: The Long Tail – por Pedro Enríquez de Salamanca (director de Innovación Creativa – Wildbytes)
18:00-19:30 – Os Hábitos do Novo Consumidor: The iPad Generation e o Fogar Dixital – por Darío Janeiro (director de contidos e publicidade multiplataforma de Cinfo)
Os interesados en acudir deben reservar a súa praza comunicando os seus datos persoais por correo electrónico antes do 8 de marzo.
A televisión social e os contidos transmedia centrarán unha boa parte da xornada de AGAPI do 12 de marzo
Compartir Este Artigo
