A empresa galega Interdix, responsable da plataforma GaliciaDixital (unha das nosas canles dixitais de información de máis longa traxectoria), está arestora a presentar unha serie de interesantes ofertas e servizos para as empresas do noso país que queiran ter presenza en liña a un prezo acorde cos tempos enleados, economicamente, que estamos a vivir. Estas promocións, que tamén se destinan a profesionais e autónomos (“co fin de que ninguén fique sen presenza na Rede por problemas de tipo económico, nun tempo de crise xeneralizada no que, porén, é imprescindible estar na Rede”), parten dun prezo base, prezo real, de 200 euros (300 se vén incluída unha tenda en liña). Este custe, informa Interdix Galicia, incluiría tódolos servizos precisos para o desenvolvemento dunha web e o seu funcionamento e mantemento durante un ano.
Máis polo miúdo, achégase o seguinte: deseño e confección de web, carga de contidos, rexistro de dominio propio, aloxamento da páxina durante o primeiro ano, contas de correo electrónico con acceso webmail, acceso con contrasinal á web para modificacións e ampliacións, atención telefónica personalizada en horario de oficina, asesoría técnica por persoal especializado, estatísticas de visita e copia de seguridade diaria.
“Estas páxinas”, engade Interdix, “poden ter tantas seccións como desexe o cliente, e todas totalmente configurables; ademais, incluirán un formulario de contacto, unha sección de actualidade e galerías fotográficas, coa posibilidade de crear unha tenda online, con produtos clasificados por categorías e fichas detalladas para cada un deles”.
Até o de agora, contan os responsables de GaliciaDixital, preto de duascentas empresas e profesionais téñense beneficiado xa desta campaña, que estará aberta durante todo este ano, agardando superar ao remate de 2013 as cincocentas webs confeccionadas. Pódese obter máis información sobre esta campaña en internetgalicia.net.
Interdix lanza unha campaña de creación e aloxamento de webs para firmas galegas a prezos anticrise
Compartir Este Artigo
