Os Premios á Excelencia Académica da Universidade de Vigo tiveron sabor enxeñeiro. En termos concretos, arredor do 40% dos 45 estudantes galardoadas/os, están inscritas/os en carreiras como estas: Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría Química Industrial ou Enxeñaría Electrónica e Automática. Trátase, informa a UVigo, de 24 mozos e 21 mozas cunha nota media superior ao 9 e cun currículo previo digno de figurar con marco e ben á vista. Estes luns 11 de marzo recibiron, de mans do reitor Salustiano Mato e do vicerreitor de Alumnado Ignacio Barcia, cadanseu recoñecemento en forma de tablet PC.
Con todo isto, quíxose salientar o esforzo e apoiar o mérito e a capacidade. Cómpre sinalar que boa parte dos estudantes recoñecidos nos ditos premios, fórono polos éxitos obtidos no Bacharelato, e tamén houbo algún gañador das Olimpíadas Científicas. Amais, cinco proceden de ciclos formativos superiores. O obxectivo destes galardóns é destacar os mellores expedientes que elixen a Universidade de Vigo para formarse: “Trátase de premialos ao fin dunha etapa para animalos a seguir sendo excelentes nesta nova que comeza”. Así llelo explicou o vicerreitor: “Tervos na Universidade é todo un orgullo e unha toda unha sorte, pois non hai que esquecer que os bos alumnos tamén fan bos profesores”.
As enxeñarías abrangueron unha boa parte dos premios á excelencia da UVigo
Compartir Este Artigo
