A política de estrea e cancelación de servizos de Google parece cada vez máis errática, e hoxe anuncian o lanzamento de Google Keep, unha ferramenta en liña que busca servir para capturar pensamentos en forma de listaxes de cousas pendentes, anotacións de voz ou fotografías, que poden gardarse coma se fosen etiquetas adhesivas postas nun taboleiro, tanto a través dunha nova aplicación para Android (apoiada por un widget de escritorio, que en dispositivos con Android 4.2 ou superior poderá integrarse na pantalla de desbloqueo do móbil) como dunha aplicación web que emprega a Google Drive como plataforma de almacenamento e sincronización.
O sorprendente deste lanzamento é que Google xa contaba cun servizo semellante, Google Notebook, creado en 2006, conxelado a primeiros de 2009 e eliminado na limpeza de outono de 2011. Esta nova ferramenta é máis visual e doada de usar, pero resulta curioso que en vez de renovar un produto anterior dende Google optasen por unha opción tan agresiva como matar un servizo e crear un novo, deixando aos usuarios abandonados no lapso intermedio, dando a impresión de que en vez de atender ás demandas do público, reaccionan ante a emerxencia doutros servizos como Evernote.
Vídeo de presentación de Google Keep
Google presenta unha nova aplicación de notas
Compartir Este Artigo
