
Os investigadores galegos atópanse arestora no European Space Research and Technology Centree, centro que a Axencia Espacial Europea ten en Noordwijk, Holanda. O seu obxectivo: realizar as probas finais de clasificación de voo, que se centran en test de termo-baleiro, sometendo o satélite tanto a altas como a baixas temperaturas para comprobar o seu rendemento e resistencia. Até o de agora, informa a Uvigo, os resultados están por riba mesmo do agardado. Os investigadores regresarán a Vigo na Semana Santa e, se non hai cambio de última hora, co visto bo da ESA baixo o brazo.
O satélite vigués pertence á constelación HumSAT, da que forman parte satélites, sensores e estacións de terra, e será posto en órbita polo foguete Dnepr dende Rusia xunto con outros oito satélites que serán enviados en tres lanzamentos distintos para estar en órbitas complementarias para cubrir o maior tempo e superficie posible da Terra. O HumSAT-D “é un satélite de comunicacións de baixa órbita que serve para recoller datos de sensores de baixa potencia e custe, uns 10 euros, que están localizados por todo o globo terráqueo e que servirán para recoller datos como polución, etc… que, a través dunha constelación de satélites, permite ter unha rede mundial de seguimento a baixo prezo”, segundo explicaba Fernando Aguado, coordinador do proxecto aeroespacial vigués. Entre outras utilidades, permitirán monitorizar parámetros para estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia. O representante vigués nesta constelación ten un peso de 850 gramos e percorrerá unha órbita circular a unha altura constante de preto de 700 quilómetros.
Investigadores da UVigo conseguen pasar o último test do seu satélite HumSAT-D
Compartir Este Artigo
