O Consorcio da Zona Franca de Vigo vén de presentar novos contidos na súa web, amais dunha reestruturación dos mesmos co obxectivo de facilitar ao máximo o acceso á información das súas actividades “cunha navegación máis doada e intuitiva”, informan os seus responsables. Esta aposta pola simplicidade, xa en activo e á vista dos internautas (en tres linguas, incluída a nosa), non implicou unha remodelación da feitura da páxina, xa que preferiuse manter a súa estética, afectando máis ben ao miolo da mesma: o coñecemento fornecido. Deste xeito, traballouse por acadar unha web con máis contidos económicos, máis enfocada ao cliente e, en definitiva, con máis información.
As principais transformacións, informa o consorcio, incluíronse no apartado de Parques Empresariais onde se pode obter un estudo completo do impacto económico dos ditos complexos na área de Vigo, engadíndose a análise das principais variables económicas; sectores máis representativos e unha comparativa e contribución dos datos dos parques respecto á contorna da cidade. Nesta sección, engade o consorcio, é posible coñecer indicadores como o de “xeración de riqueza”, onde se avalía a evolución dos ingresos de explotación e do valor engadido bruto das empresas situadas no parque; “eficiencia” onde se pode observar a evolución da rendibilidade económica e financeira desas mesmas empresas; e “sectores de actividade”, onde se reflicten os principais sectores segundo o Valor Engadido Bruto xerado. En cada parque tamén se deu acubillo a información dos centros empresariais que xestiona o consorcio e incorporouse a xeolocalización de cada empresa no complexo correspondente. “Ademais de mellorar a publicación das informacións sobre o traballo do consorcio no apartado de Actualidade, na páxina principal, o novo e mellorado Buscador de Espazos permite con simple clic atopar toda a oferta inmobiliaria dispoñible en calquera dos parques e as instalacións do consorcio”, informan dende a dirección da Zona Franca.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo reforza a vertente informativa da súa web
Compartir Este Artigo
