A entidade Pons, que xestiona patentes e marcas a nivel internacional, vén de facer unha análise sobre o medre dos dominios .es no medio dunha crise produtiva e de benestar e dunha focha política e económica que afectan en maior ou medida a tódolos sectores. O máis singular da situación actual deste tipo de dominios é o seu bo estado de saúde. De feito, experimentaron un notable proceso de medre en 2012 con respecto ao ano anterior, períodos nos que a crise afogaba xa, cruelmente, a unha manchea de empresas e coartaba a posta en marcha de outras moitas. Máis polo miúdo, a finais de 2012, fíxose efectivo o rexistro de 1.614.149 nomes baixo o código .es, fronte aos 1.458.371 que se rexistraron durante todo o ano o ano 2011.
Segundo as estatísticas publicadas recentemente por Red.es, o 62,3% da carteira dos dominios activos en decembro 2012 dispoñen de servizos de correo electrónico asociado “o que supón un incentivo e incremento notable do uso das novas tecnoloxías na sociedade española”, sinala a rexistradora. Ao seu xuízo, hai un abismo entre as cifras de hoxe en día e as que se acadaron en todo o ano 1997 (primeiro ano do que se ten constancia de datos estatísticos sobre o volume de rexistros realizados), que foron 7.219. Porén, di, o auténtico incremento do rexistro dos nomes de dominio baixo o código .es escenificouse a partir do 1 de xuño de 2005 cando entra en vigor a Orde Ministerial ITC/1542/2005, de 19 de maio, pola que se aproba o Plan Nacional de Nomes de dominio de Internet baixo o código correspondente a España (.es) que permite a calquera cidadán rexistrar de forma instantánea o sitio de seu en Internet coa dita extensión. Segundo PONS, os dominios .es medraron significativamente nos últimos anos tanto en cantidade como, tamén, en termos de calidade, “consolidándose en España como un nome de dominio seguro, doado de adquirir e renovar así como un rexistro de referencia da lingua española a nivel internacional e un mercado potencial con máis de 400 millóns de hispano falantes, nalgunhas etapas mesmo por encima do dominio xenérico .com”.
Seguen a medrar os dominios .es malia a crise
Compartir Este Artigo
