Segundo se anuncia hoxe no boletín do Diario Oficial de Galicia (pdf), finalmente desaparece do noso mapa a Fundación R, unha entidade posta en marcha en 1998, nomeada de interese galego, e que incluía entre os seus obxectivos o desenvolvemento e impulso do coñecemento e o afianzamento das telecomunicacións e das novas tecnoloxías da información na economía e na sociedade galegas. O cese da súa actividade e a súa extinción foron acordados xa en decembro do ano pasado, pero hoxe fíxose finalmente oficial.
A entidade, que traballou ao longo destes anos poñendo en marcha accións divulgativas e de innovación, foi creada polo operador galego R, que buscaba manter, a través da fundación, unha porta aberta de colaboración coas universidades, as empresas, as institucións públicas e as asociacións da nosa terra. Máis polo miúdo, nos últimos anos, a fundación centrábase na elaboración de estudos sobre o mercado das telecomunicacións, en acordos de colaboración coa Administración autonómica e na intervencións en diversos foros. Por exemplo, chegou a formalizar un acordo Clúster Audiovisual Galego para crear unha oficina de promoción da televisión dixital interactiva en Galicia ou, tamén, convocou o concurso Internet útil para favorecer a inclusión das redes no noso tecido produtivo.
A Fundación R cesa oficialmente a súa actividade
Compartir Este Artigo
