O proxecto Punto Emprende 2.0 aínda ten as portas abertas. Cómpre sinalar que estamos ante unha iniciativa a tres mans, dúas das cales son galegas (AJE Galicia e AGESTIC, Asociación Galega de Empresas TIC) e unha mallorquina (AJE Balears), dirixida a amosar a necesidade de formación dos emprendedores e empresarios noveis en aspectos vitais para a xestión da súa empresa. E todo, como se pode deducir do seu nome, sacando non só o maior proveito posible das novas tecnoloxías e servizos dispoñibles, senón aplicando as súas metodoloxías ao traballo presencial e tradicional. O seu máximo obxectivo, segundo informan as tres entidades, é dotar aos centros de apoio de emprendedores do valor engadido que supón a formación en habilidades de dirección empresarial. Este labor de ensino faise en parte a través de tests de autodiagnóstico de capacidades e habilidades en tres eidos fundamentais: Innovación, TIC e RSE. Logo, procédese a asesorar aos profesionais de maneira personalizada, asignándolles bonos de consultoría.
Volvendo á orixe do proxecto, dicir que as entidades promotoras da iniciativa basean a súa posta en marcha nun convencemento compartido: a súa total confianza na preparación do equipo directivo para garantir ao máximo as posibilidades de éxito dun proxecto empresarial. Punto Empresarial 2.0 sería pois un servizo para permitirnos avaliar e reforzar as nosas habilidades, preparación e experiencia na dirección de equipos e iniciativas, cousas, que por outra banda, semellan imprescindibles no día a día dunha empresa innovadora. Punto Emprende está dirixido aos empresarios noveis de Galicia e Balears, sendo un servizo de balde que conta coa subvención do Ministerio de Industria.
AGESTIC e AJE Galicia e Balears fomentan as habilidades innovadoras dos nosos empresarios noveis
Compartir Este Artigo
