
Tras a celebración do encontro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, salientou a importancia da AMTEGA, “un órgano que aglutina todos os recursos humanos e materiais de todas as áreas TIC da Xunta de Galicia” que agora “está afondando na transparencia cun plan de actuación con indicadores, con obxectivos e dando conta aos cidadáns de como se van cumprindo”.

– Modernización da Administración, dos servizos sociais e da Xustiza: Incrementar os servizos públicos dixitais avanzados, a través do Plan de Modernización da Administración pública. Continuarase a incorporar as TIC na Xustiza a través do Plan Senda.
Este ano porase en marcha o Plan de modernización tecnolóxica dos servizos sociais co obxectivo de mellorar as prestacións, simplificar procedementos, reducir os prazos de tramitación e compartir información e recursos entre todas as administracións a través do expediente social único.
– Administración máis eficiente: Conseguir unha Administración máis eficiente mediante un uso axeitado das TIC. Para acadalo, entre outras medidas, está a consolidación do Centro de Proceso de Datos Integral, que prestará servizo a todo o sector público galego, cidadáns e empresas, aforrando 3 millóns de euros anuais, unha vez consolidado. A centralización de compras de produtos e servizos TIC e a homoxeneización das plataformas tecnolóxicas son outros eixos desta liña de acción.
– Desenvolvemento da Sociedade da Información: Co obxectivo de dotar a sociedade de competencias e recursos dixitais continuaranse con programas como Abalar no eido educativo ou as actividades de alfabetización dixital da Rede CeMIT con preto de 100 aulas en toda Galicia para o acceso de balde ás novas tecnoloxías. Este obxectivo abrangue tamén o Programa de voluntariado dixital, con máis de 200 voluntarios que achegan as TIC a maiores e persoas con discapacidade, o impulso do software libre na Xunta e un programa de competencias dixitais para os empregados públicos.
– Desenvolvemento do sector TIC: Impulsar o sector TIC como elemento chave no crecemento da economía galega con dous programas, un de apoio á innovación TIC e ao fomento do emprego e outro consistente nun sistema público de compra de tecnoloxía innovadora.
– Impulso dos sectores produtivos a través das TIC: Impulsar o uso dos servizos TIC por parte das empresas galegas, por unha banda, a través do Centro Demostrador TIC e, por outra, a través da posta en marcha dun plan de demanda anticipada tecnolóxico-industrial para os sectores estratéxicos de Galicia.
Entre as actuacións dirixidas aos principais sectores produtivos e os sectores primarios está a potenciación da xestión telemática no sector agrogandeiro, a modernización do transporte público en Galicia a través dun plan específico para a mellora na calidade dos servizos e da xestión, así como o desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica do Turismo de Galicia.
– Infraestruturas de telecomunicación: Implantar unha rede de infraestruturas de telecomunicacións moderna e sustentable, unha actuación que se está a desenvolver a través do Plan de banda larga de Galicia 2010-2013 e que se completará con outras actuacións como a construción dun servizo integral de comunicación de emerxencias para Galicia e un programa de impulso para a creación do fogar dixital.
– Xestión eficiente das TIC: Consolidación dun modelo de xestión áxil e eficiente das políticas tecnolóxicas, a través da AMTEGA. A Axencia integrou xa os recursos humanos e materiais das áreas TIC de seis consellerías e o obxectivo desta lexislatura é a incorporación dos departamentos de Sanidade e a área tributaria.
AMTEGA centralizará as actuacións TIC da Xunta xestionando un orzamento de 353 millóns de euros entre 2013 e 2016
Compartir Este Artigo
