Na nosa terra, cada vez máis, a innovación empresarial ten o punto de partida nun compartir de recursos e nunha situación de adestramento e preparación para o que veña despois. Falamos do papel despregado por lanzadeiras, viveiros e incubadoras, presentes en boa parte das nosas cidades e vilas e algunha delas especialmente interesantes para quen segue de preto a web de Código Cero. Ou sexa: especialmente representativas do emprendemento TIC. Un exemplo disto é o Viveiro de Empresas de Costa Vella, en Compostela, dirixido polo Departamento de Creación de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago, que acolle na actualidade 15 empresas con emprazamento físico de seu e 20 firmas que reciben servizos do viveiro virtual. En 2012 incorporáronse oito novas empresas.
Segundo nos contan fontes da Cámara, dende a creación do acubillo en 2006 pasaron polo seu seo 105 iniciativas. A isto que cómpre engadir unha taxa de supervivencia empresarial do 78% que, segundo engaden os responsables do viveiro, débese ao correcto funcionamento do mesmo e, sobre todo, á calidade do propio emprendemento alí radicado.
Entre as firmas de base tecnolóxica da incubadora podemos salientar unha proposta de recente creación. Falamos de 4gotas Atmosfera e Océano, unha empresa que xa está constituída e que iniciou a súa actividade no mes de febreiro no devandito viveiro compostelán. Esta empresa céntrase basicamente na achega de produtos e servizos baseados na meteoroloxía e a oceanografía nas súas tres liñas de negocio: os servizos web e aplicacións móbiles, os produtos audiovisuais para medios de comunicación e a consultoría técnica en meteoroloxía e oceanografía para empresas e institucións. Está composta por catro socios de perfil técnico e un alicerce científico común, titulados en Física e Matemáticas, Beatriz Hervella, Eduardo Penabad, Carlos Fernández e Pablo Carracedo. Contan cunha máis que completa experiencia laboral tras anos de traballo en Meteogalicia e como presentadores do tempo en varias canles de televisión, os catro especialistas decidiron crear o seu proxecto empresarial a través do apoio e asesoramento do viveiro da Cámara de Comercio de Santiago.
Outra das empresas de alicerce científico-tecnolóxico emprazada na incubadora de Costa Vella é Hércules Control, iniciativa centrada, nun plano máis específico, en servizos de investigación, desenvolvemento e innovación, produción e venta de equipos de tecnoloxía hidrográfica (relacionados coa oceanografía, monitorización ambiental de calidade de augas e prospección submarina intensiva). A maiores, Hércules Control fornece axudas á navegación a través de sinalización marítima e balizamentos e outra serie de servizos de consultoría hidrográfica, en batimetrías, xeofísica, I+D+i e formación. Segundo nos conta o seu director técnico, Carlos Durán, “Hércules Control é unha spin-off de base tecnolóxica que xa desenvolveu varios produtos como as lanternas de sinalización marítima, software de control ambiental e de información marítima; pero sen dúbida o seu produto estrela é a HidroBoia, un sistema intelixente de monitorización de calidade de augas, tecnoloxicamente moi superior a calquera outra boia que se emprega na actualidade, tanto en España como no estranxeiro”. Esta tecnoloxía naceu froito do traballo realizado polo Grupo de Procesado da Imaxe e Realidade Virtual da Universidade de Vigo e o departamento de I+D+i da empresa CIS (Centro de Investigacións Submarinas). A innovación do produto, engade Carlos Durán, permitiu “acadar en pouco tempo a patente concedida pola Oficina de Patentes de Estados Unidos, documento que garante a propiedade intelectual do sistema aos seus creadores”. Máis polo miúdo, a Hidroboia introduce no mercado un sistema de mostraxe de auga a distintas profundidades que, sen modificar a natureza e características de mostras, permite a obtención de datos sobre as súas características físico-químicas mediante sensores situados na superficie e albergados nun ou varios compartimentos con condicións ambientais controladas que garanten a calidade de lectura de datos e reducen de xeito significativo o mantemento do sistema.
O viveiro de Costa Vella tamén serve de acubillo á unha empresa que nos toca en Código Cero especialmente de preto, sobre todo polo que ten de modelo de apertura de novos vieiros de actividade nun eido en especial proxección: o do desenvolvemento de aplicacións para smartphones en calquera das súas feituras. Falamos de MPS-MobileSoft, unha startup especializada como dixemos no fornecemento de novas ferramentas para os dispositivos móbiles das principais plataformas do mercado (Android, IOS e WP7). Asemade, a firma céntrase no desenvolvemento web de tipo corporativo tirando o máximo proveito das últimas tecnoloxías dispoñibles no mercado. O obxectivo: conseguir un deseño e unha manexabilidade que permitan diferenciar, a través da calidade, os seus traballos dos da competencia.
A incubadora da Cámara de comercio de Santiago dá acubillo xa a quince firmas de gran potencial innovador
Compartir Este Artigo
