A compañía galega Televés vén de obter a mellor das cualificacións posibles trala análise incluída no documento Diagnóstico de contexto para a definición dunha estratexia rexional de especialización intelixente en Galicia, elaborado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). De feito, a firma de telecomunicacións de Santiago constitúese ao abeiro do devandito como a “entidade privada de meirande valoración en canto a grao de execución dos seus proxectos innovadores”, informa a compañía.
O estudo está baseado en datos do Observatorio da Innovación de Galicia e bebe tamén do achegado polos axentes integrantes do sistema galega de innovación en convocatorias de investimento público para iniciativas de I+D en réxime de colaboración (últimos seis anos). Os datos, engade Televés, son tratados seguindo catro factores: o número de proxectos rexistrados; o feito de que estes teñan carácter autonómico, nacional ou europeo; a proporción entre proxectos presentados e proxectos concedidos e, finalmente, a axuda solicitada e o retorno obtido. A raíz de todo isto, creouse unha listaxe que figura encabezada polas tres universidades galegas (ocupando os tres primeiros postos do ranking) seguidas polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e, a continuación, Televés. En palabras dos responsables da empresa, “esta privilexiada posición vén a reflectir a vocación da empresa como firma que fai do desenvolvemento tecnolóxico e a innovación uno dos alicerces do seu modelo de negocio”.
GAIN sitúa a Televés á fronte das nosas entidades privadas en grao de execución da innovación
Compartir Este Artigo
