O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) porá en marcha unha Rede de Asesores Tecnolóxicos para titorizar a empresas na selección e adopción de solucións TIC para cubrir as súas necesidades. Con esta nova plataforma búscase que as PEME e os autónomos que precisen afrontar unha modernización tecnolóxica dos seus negocios para ser máis competitivos poidan buscar asesoramento de colexiados do CPEIG que axudarán a definir as necesidades tecnolóxicas e a adoptar as mellores solucións para mellorar a súa produtividade (entre as que primarán as baseadas en software libre).
Para dar a coñecer esta iniciativa realizaranse xornadas presenciais nas diferentes cidades galegas, nas que recollerase información das empresas interesadas en participar no programa de diagnose, formación e asesoramento personalizado. A Rede de Asesores Tecnolóxicos estará ao alcance dos interesados de xeito continuado e permanente a través da Internet.
O convenio que recolle a creación desta Rede tamén inclúe a elaboración dun estudo sobre a situación laboral dos profesionais das Enxeñarías en Informáticas procedentes das 3 universidades galegas, para coñecer, entre outras cousas, a porcentaxe que está a traballar dentro ou fóra de Galicia, e a súa distribución xeográfica. Tamén procurará información sobre o tipo de traballo que están a desenvolver, o seu sector, as súas necesidades formativas, o seu grao de satisfacción persoal e as súas expectativas profesionais.
Os enxeñeiros en Informática asesorarán ás PEME e autónomos galegos
Compartir Este Artigo
