O novo satélite galego, un aparello de comunicacións de baixa órbita desenvolvido para investigar entre outras cousas cambio climático e a polución da atmosfera, segue adiante con vento en popa. O HumSAT-D, logo de quince días de probas, xa ten o visto e prace da Axencia Espacial Europea e comeza xa a conta atrás para o seu lanzamento, nos vindeiros meses dende Rusia. Os responsables deste desenvolvemento (un equipo integrado polo profesor Fernando Aguado e os alumnos Alberto González e Jacob López, Diego Nodar e Daniel Docal, todos eles procedentes da Universidade de Vigo) veñen de regresar de Noordwijk, en Holanda, onde recibiron o aval da axencia ESA pola calidade do seu proxecto, agora xa unha realidade en toda regra.
O satélite demostrador vigués ten un peso de 850 gramos e percorrerá unha órbita circular a unha altura constante de preto de 600 quilómetros. A súa finalidade, como dixemos, é validar a viabilidade do proxecto HumSAT, xa que permitirá probar a tecnoloxía que se empregará para a posterior posta en marcha dunha constelación máis completa de satélites, sensores e estacións de terra. Segundo explica ao Diario da UVigo, o investigador Fernando Aguado, “nestas dúas semanas de probas o HumSAT-D respondeu como se agardaba e pasou os catro ciclos de frío e de calor na cámara de termo-baleiro do European Space Research and Technology Centree, nos que se comproba a resposta do satélite a temperaturas de entre +45º e -20º en situación de baleiro”. O satélite demostrador vigués será posto en órbita polo foguete Dnepr, que se lanzará dende Rusia nos vindeiros meses, entre finais de maio e xuño, aínda que a data está suxeita a posibles adiamentos que poden ser de varios meses provocados por factores externos.
O satélite galego HumSAT-D recibe o visto bo da Axencia Espacial Europea
Compartir Este Artigo
