A Xunta de Galicia está a avanzar nas tarefas necesarias para dispoñer dunha aplicación que permitirá localizar en tempo real todos os autobuses de transporte público regular de viaxeiros de Galicia. Con estes datos, será posible facilitar aos usuarios información acerca do tempo estimado de espera nas paradas, se se trata dun vehículo accesible, ou se realiza conexión con outros servizos, entre outros datos de interese, segundo trasladou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a reunión do Comité Galego de Transporte, onde estivo acompañado polo director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín.
O Sistema de Axuda á Explotación (SAE) se implantará nas concesións de transporte público de Galicia, e representa un proxecto de máximo interese para a Xunta que se desenvolverá coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Trátase dunha importante mellora tecnolóxica que se introduce no sistema de transporte público de viaxeiros por estrada, coa finalidade de mellorar a información sobre a oferta de servizos en autobús en calquera punto de Galicia. Deste xeito, eliminaranse as incertezas que sobre o horario dun servizo teñen as persoas usuarias, feito lóxico debido á que os autobuses vense afectados polas incidencias do tráfico na estrada. Tamén poderase facilitar outros datos en tempo real, como os servizos que ofreza o autobús (accesibilidade, por exemplo). O fin último é facilitar o uso destes servizos de transporte, mellorando a información que permita acceder a eles a través das novas tecnoloxías (web, SMS, aplicacións para móbiles, etc.), ademais dos medios convencionais.
Unha aplicación permitirá localizar en tempo real todos os autobuses de transporte público
Compartir Este Artigo
