O Consorcio da Zona Franca de Vigo asinou a semana pasada un acordo coa Fundación INCYDE e máis coa Cámara de Comercio da cidade para colaborar na obtención de financiamentos que apoien e fagan posible a posta en marcha de novas iniciativas de innovación para as empresas da contorna. Grazas a este traballo conxunto, informaron con máis detalle, Vigo recibirá recibirá un millón douscentos mil euros procedentes de fondos europeos (FEDER) destinados tanto á creación e posta en marcha de viveiros de empresa como á formación e asesoramento de emprendedores e de pequenas e medianas empresas (PEME) xa establecidas que teñan que afrontar situacións de crise, indicaron as ditas entidades, representadas na sinatura por Teresa Pedrosa (delegada da Zona Franca), Javier Collado (director xeral de INCYDE) e José García Costas (presidente da Cámara de Comercio).
Pedrosa, que abriu o acto destacando que “este é un paso adiante para o emprendemento de Vigo e a súa área”, agradeceu a colaboración da Cámara e do INCYDE xa que “tivemos a oportunidade de presentarnos a programas de cooperación co INCYDE para pór en marcha o viveiro de empresas de Porto do Molle no que ofrecer espazo de oficinas, naves para os emprendedores que teñan que iniciar un proceso produtivo, formación en innovación e internacionalización e ao que engadiremos achegas de capital semente a través da sociedade de capital risco Vigo Activo”
Polo que respecta ao convenio asinado, a Fundación INCYDE atendeu a petición formal do consorcio para realizar viveiros de empresas, coa asignación da axuda concedida polo FEDER de 550.560 euros, que representa o oitenta por cento do investimento total a realizar de 688.200 euros. O Consorcio achegará, de fondos propios, o restante vinte por cento do investimento, ou sexa, 137.640 euros. A execución do proxecto deberá iniciarse antes do terceiro trimestre de 2013 e rematarase antes do primeiro trimestre de 2015, fíxose saber. Segundo explicou Pedrosa, “o convenio entra en vigor mañá mesmo, coa aprobación no comité executivo da licitación das obras de acondicionamento dos espazos de oficinas para a incubación e, a finais de mes, co remate do deseño das accións formativas dirixidas á innovación e habilidades en comercio exterior”.
Para o CIE de Porto do Molle o Consorcio reservou no novo edificio de Centro de Negocios un espazo de 818,00 metros cadrados con 34 módulos de oficina que teñen unha superficie media cada un de 21,00 metros cadrados. En cinco das naves bioclimáticas habilitaranse talleres para acubillar dez novos proxectos produtivos.
A Zona Franca acada un investimento de 1,2 millóns de euros para pór en marcha novos viveiros de empresas
Compartir Este Artigo
