O Consello da Xunta celebrado esta mañá en San Caetano informa sobre o proxecto de orde que regulará por primeira vez en Galicia o teletraballo e a compensación horaria dos empregados públicos autonómicos para facilitar a conciliación da súa vida familiar e laboral. O texto establece os distintos tipos de xornadas e horarios laborais, así como a posibilidade de flexibilizalos, adaptándose ás necesidades do traballador.
Regularanse 3 tipos de horarios: xeral, flexible e especiais. O xeral será de 7:45 a 15:15 horas de luns a venres (agás o persoal de libre designación); o flexible consiste nun horario de traballo non ríxido que se adapte as necesidades do empregado público dentro duns límites previamente acordados (salvagardando as necesidades do servizo) e que poderá motivarse por razóns de conciliación da vida familiar e laboral ou por interese particular, repartindo a xornada nunha parte fixa (de 9:00 a 14:00) e outra flexible (de 7:00 a 9:00 horas ou de 14:00 a 18:30 horas); e os horarios especiais estarán acordados polo centro directivo competente.
Teletraballo
Pero a novidade máis rechamante será a introdución na nova orde da posibilidade do teletraballo, que permitirá aos empregados públicos desenvolver as súas tarefas fóra das dependencias da Administración autonómica mediante o emprego das novas tecnoloxías, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral coa finalidade de acadar unha maior eficiencia na xestión pública.
Os empregados que queiran optar por esta modalidade laboral deberán ter unha antigüidade no seu posto dun mínimo de 2 anos, dispor dos medios técnicos para levalo a cabo (equipamento informático básico con acceso á Internet, lector de tarxetas e móbil) e que o seu traballo sexa susceptible de realizarse baixo deste xeito (como o estudo e análise de proxectos, a elaboración de informes, asesoría, redacción e tratamento de documentos, inspección, xestión de sistemas de información ou análise e deseño de sistemas de información).
En todo caso o teletraballador desenvolverá as mesmas funcións que no seu posto de traballo habitual, salvo ás ligadas á presenza física nas dependencias administrativas, podendo a Administración requirir a súa presenza se así é preciso polas necesidades do servizo.
Sobre a regulación do teletraballo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, comentou ante os medios tras a xuntanza do Consello da Xunta que estas medidas casan co compromiso do Executivo galego por unha administración máis austera, máis útil para os cidadáns “e, en consecuencia, máis comprometida coas necesidades obxectivas de traballo”.
Ao longo da súa intervención, Feijoo fixo fincapé en que un dos obxectivos principais será facilitar a conciliación da vida laboral e familiar; “e, deste modo, o persoal que cumpra unha serie de requisitos poderá solicitar desenvolver parte das súas tarefas fóra das dependencias da administración mediante o emprego de novas tecnoloxías, o que coñecemos como teletraballo”.
