O vindeiro 14 de maio -de 10 a 14 horas- celebrarase un seminario sobre desenvolvemento de aplicacións Android organizado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar e que terá lugar nas mesmas instalacións do CNTG. O encontro dividirase en dúas partes: unha encamiñada a tratar a visión técnica da arquitectura das aplicacións en Android e outra centrada na área de negocio e monetización destes desenvolvementos. Informar que o relator do seminario será Sergio Rodríguez -director de formación de Core Networks e enxeñeiro de telecomunicacións- quen comezaba en 2009 no eido das aplicacións Android, situándose unha das súas aplicacións como a máis descargada en España en 2011.
E a quen vai dirixida esta xornada? Pois a profesionais da programación interesados no desenvolvemento de aplicacións para telefonía móbil de última xeración, a deseñadores de solucións de comunicación móbil, desenvolvedores de Java interesados en migrar o código existente á nova plataforma e, en xeral, a profesionais TIC interesados na temática. É preciso informar que o acceso presencial ao seminario para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día do evento. Asemade, esta sesión poderá ser seguida por videoconferencia a través das aulas da rede CeMIT localizadas en: A Cañiza, Betanzos, Carballiño, Celanova, Lalín, O Barco, Ortigueira, Pontevedra, Santa Comba e Vilagarcía, inscribíndose con anterioridade no evento. Engadir que o prazo de inscrición estará aberto dende o 15 de abril ata o 13 de maio.
Para unha información máis detallada dos contidos ou da inscrición ao seminario cómpre visitar a web do CNTG.
O Centro de Novas Tecnoloxías acollerá nas súas instalacións un seminario sobre desenvolvemento de aplicacións Android
Compartir Este Artigo
