Onte celebrouse en Santiago unha xornada que nos toca de preto e que en boa maneira achega unhas cantas claves sobre o noso futuro: o Día do Científico Galego. Ou sexa, que a festividade debera servir para lembrar a quen corresponde que o coñecemento, a investigación e a innovación é a trabe que terma de toda a nosa estrutura de crecemento, en calquera das súas facetas máis sustentables. Así se fixo saber na sede da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), na rúa de San Roque de Santiago de Compostela, onde se deron cita representantes das nosas institucións científicas, culturais, académicas e políticas, co gallo de celebrar o devandito Día e, tamén, homenaxear á figura elixida este ano para simbolizar esta arela de coñecemento: pensador e ensaísta Benito Jerónimo Feijoo, tamén coñecido como Frei Feijoo (ou Pai Feijoo).
A xeira incluíu un acto central e, previamente, dous espectáculos didácticos dirixidos a escolares e ao público en xeral nos que, a través de experimentos divertidos, divulgouse a vida e a obra do homenaxeado e os principais avances da ciencia na época que viviu, o século XVIII.
Na lembranza do seu legado participaron o vicepresidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos; o prior da Abadía de Samos, José Luis Vélez; a investigadora e exdirectora do Instituto Padre Feijoo da Universidade de Oviedo Inmaculada Urzainqui; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela. O vicepresidente da RAGC lembrou que a celebración do Día do Científico Galego, que este ano chega a súa sexta edición, ten por obxectivo difundir a contribución de figuras senlleiras, “auténticos pioneiros e pioneiras da investigación científica galega, para que a sociedade poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela”. Ríos agradeceu o apoio económico da Consellería de Economía e Industria e a colaboración da Fundación Barrié na organización das actividades divulgativas que se van celebrar ata o mes de xuño en diversas localidades galegas. Ademais, apuntou que esta celebración ten vocación de ser institucionalizada como xa o está o Día das Letras Galegas, idea que conta co apoio da Xunta de Galicia, segundo explicou o director da Axencia Galega de Innovación.
Polo que respecta á intervención do prior da Abadía de Samos, dicir que foi un ameno e interesante percorrido polo legado de Frei Feijoo, sen dúbida un pensador avanzado ao seu tempo e moi importante para os avances de achega de coñecemento libre que viñeron despois. A xuízo do prior, Feijoo foi “un buscador da verdade, un promotor do espírito crítico entre o pobo a través da ciencia e da razón”. Asemade, dixo, o homenaxeado “foi a gran demostración de que fe e razón son perfectamente compatibles, rebatindo supersticións e lendas desde a súa faceta de relixioso exemplar”. Frei José Luis Vélez lembrou que Feijoo ingresou aos 14 anos no mosteiro benedictino de San Xulián de Samos (Lugo), ao que segundo os estatutos da Orde pertenceu toda a súa vida, aínda que aos 33 se trasladou a Oviedo, onde viviu ata o seu pasamento e exerceu como catedrático de Teoloxía na universidade. Precisamente da Universidade de Oviedo procedía a encargada de realizar o percorrido científico polo legado de Frei Feijoo. Inmaculada Urzainqui, investigadora especializada na súa figura, cualificouno de “pioneiro da comunicación científica en España” e explicou que o pensador ourensán puido contribuír de maneira tan determinante ao espírito crítico da Ilustración porque se preocupou de ter acceso á prensa europea da época, nun intre no que España se atopaba instalada nos dogmas e pechada aos avances do coñecemento procedentes do exterior.
As actividades conmemorativas do Día do Científico Galego continuarán este vindeiro sábado nos Xardíns do Padre Feijoo, en Ourense, cun espectáculo científico na rúa dirixido a todos os públicos que terá varias sesións ao longo de todo o día. Un obradoiro semellante a este, cun punto de vista máis formativo, será o que se celebre no Colexio Padre Feijoo de Ourense o 6 de maio e no CEIP Padre Feijoo de Allariz ao día seguinte. A principios de xuño repetirase para escolares de Vigo e A Coruña nas sedes que a Fundación Barrié ten nestas dúas cidades. A maiores, durante as vindeiras semanas será distribuída nos centros escolares de toda a nosa xeografía a unidade didáctica elaboradas por expertos sobre a figura e o legado do Frei Feijoo. Tamén recibirán material divulgativo todas as persoas que visiten o Mosteiro de Samos durante os próximos meses.
A comunidade investigadora galega homenaxeou en Santiago a Frei Feijoo, pioneiro da comunicación científica
Compartir Este Artigo
