Temos novo selo de raizame galega no eido dos videoxogos, cousa que non fai máis que confirmar o que xa sospeitabamos dende hai tempo: que os teléfonos de nova xeración están a abrir uns escenarios de actividade de especial interese que os nosos deseñadores non queren deixar de desaproveitar. Este venres soubemos da posta en marcha de Sila Software, unha iniciativa con sede en Barcelona pero comandada polo vigués Francisco Mosquera e dirixida, entre outras cousas, á creación dunha plataforma de videoxogos chamada Sila Games, baseada nunha tarifa plana onde os usuarios poderán probar tódalas achegas de lecer dixital dispoñibles a través dun pago mensual. “Coma un Spotify pero de videoxogos”, coméntanos Mosquera, que, xunto co seu equipo, atopou un importante potencial de apoio para a súa iniciativa na técnica do crowdfounding.
Ou sexa, na técnica de facer na Rede unha comunidade de pequenos investidores que contribúan a acadar, xuntos e facendo fronte común, o que sería case inviable para un pequeno investidor (e máis nestes tempos).
Aos procesos de busca de apoios, arestora en marcha e a bo ritmo (aínda que son precisos máis, todo hai que dicilo), cómpre engadir o compromiso de diversas empresas desenvolvedoras e distribuidoras que fornecerán a Sila Games de xogos para iOS, Android, PC, Mac e máis a propia Internet. En breve, por certo, agárdase xa que haxa unha plataforma en fase beta onde poderemos ir xa tirando partido desta proposta de tarifa plana e outros servizos. Polo de agora, podemos ir poñéndonos ao tanto dos obxectivos e metodoloxías nun vídeo de seu e máis no sitio propio de Facebook. En todos estes sitios coincídese no mesmo: Sila Games é unha empresa nova e revolucionaria que quere mudar a maneira na que vemos o eido dos videoxogos. Para comezar, ponse en xogo a devandita metodoloxía da tarifa plana, cousa que ata o de agora non tivemos ocasión de ver con tanta claridade de ideas en ningún outro servizo análogo. Polo tanto, de facérmonos usuarios de Sila Games, pagaremos unha mensualidade para ter acceso total aos videoxogos dos que se dispoña.
“A nosa idea”, cóntanos Francisco, “é crear unha importante oferta de xogos e que os usuarios estean encantados de poder xogar sen ter que preocuparse de pagar por cada achega de lecer; desta maneira, Sila Games irá evolucionando para crear unha verdadeira comunidade de xogadores en todo o mundo que compartan, valoren e comenten xogos alá onde estean”. Para os desenvolvedores, a proposta ten unha serie de vantaxes que se poden descubrir a simple vista. Segundo informan os responsables desta iniciativa, Sila Games é o lugar idóneo para darlles acubillo. “Cunha simple aplicación”, din, “os seu xogos estarán listos para xerar beneficios mes a mes, xerando descargas e polo tanto diñeiro”
En desenvolvemento a plataforma de raizame galega Sila Games para crear o Spotify dos videoxogos
Compartir Este Artigo
