Ás veces, a pregunta máis básica é a máis importante e a que precisa dunha resposta máis rápida e completa. Falamos desta cuestión e non de calquera outra: como pór en marcha a miña empresa TIC no contexto galego actual? O normal é que os expertos na materia dean por sentado que sabemos a resposta, e por iso non adoita a haber encontros ou xornadas formativas que comecen polo principio: por axudarnos (precisamente) a comezar. O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia quixo a semana pasada empezar pola orixe. E fíxoo cun obradoiro de balde sobre emprendemento TIC, celebrado no Centro Demostrador TIC de Santiago, no que se informou aos asistentes sobre os distintos trámites, xestións e actuacións que cómpre enfrontar á hora de pórmos en marcha unha actividade económica por conta propia de natureza tecnolóxico-dixital.
A actividade tivo feitura práctica, sendo o obxectivo do CPETIG achegar algo verdadeiramente útil e vantaxoso para os nosos profesionais. Por certo que a cifra de participantes foi de máis de 100 persoas.
O Centro Demostrador TIC de Galicia foi o eixe de operacións, pero permitiuse a través de multiconferencia a concorrencia dos centros CeMIT da Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo. Este curso enmárcase dentro das actividades contempladas no convenio asinado entre o CPETIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O obradoiro, que na súa organización contou coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), estaba dirixido a todos aqueles profesionais do sector TIC que tiñan pensado pór en marcha actividades económicas por conta propia, pero tamén estivo aberto a profesionais doutros sectores interesados na temática.
Como dixemos, no o curso informouse aos asistentes sobre todos aqueles trámites, xestións e actuacións necesarios para afrontar o cumprimento das esixencias mercantís, fiscais, laborais, de protección de datos e de ordenamento municipal, que leva aparellada a posta en marcha dunha actividade económica por conta propia. A actividade tamén inclúe unha liña de acción para resolver consultas dos participantes e máis un labor de asesoramento a distancia para os emprendedores inscritos, de índole complementaria á proposta formativa en si mesma e con vistas a solucionar cuestións relativas a cada empresa. A nivel de relatores, o curso contou coa presenza de Andrés Villamarín (director de Villamarín Professional Group) e Ana Barreiro Martínez (socia fundadora de C&B Asociados). Os formadores explicaron en cada un dos catro módulos temáticos (Formas Xurídicas Básicas, Trámites, Outras Obrigas e Contabilidade e Finanzas) os contidos teóricos básicos para, de forma inmediata, incorporar actividades prácticas. O relatores procuraron ademais que os asistentes coñeceran e realizaran, por si mesmos, o cumprimentado de impresos, documentos, equipos, etc.; así como que accederan ás distintas webs da actual Administración Electrónica (AEAT, TXSS, RMC, OPM…) e elaboraran os orzamentos económicos ou a axenda de actuacións a realizar para o inicio da súa actividade profesional.
Máis de cen profesionais participaron no obradoiro sobre emprendemento TIC do CPETIG
Compartir Este Artigo
