Finalmente o xardín do Colexio de Fonseca acubillou a achega de información a través do tempo da que falamos os días pasados, ao referírmonos ao proxecto Once Uns. E por que a través dos anos e das décadas? Pois porque o soterramento das dúas cápsulas dixitais de información que acolleu o devandito xardín é se cadra o máis semellante que hai hoxe en día a ter unha máquina do tempo que lle indique ás xeracións de vindeiras como eramos en 2013, entre outras cousas porque un dos aparellos en cuestión non se vai dar aberto ata 2047. O soterramento levouse a cabo o pasado sábado, nun acto no que participaron o reitor Juan Casares Long e os promotores da idea, Jorge del Oro, Fátima García Doval e Iñaki Quenerapú.
Como dixemos, a iniciativa chámase Once Uns e vén da man de Sentinel Wardrobe. Ao contrario do que acontece noutras experiencias semellantes, estas cápsulas non conteñen obxectos senón datos dixitais: información almacenada en dispositivos tecnolóxicos actuais. Os que se soterraron na USC, achegados por toda a cidadanía, conteñen información de calquera tipo, sen restricións de contido pero si de soporte (só lapis de memoria ou tarxetas SD).
O levantamento da cápsula infantil será o sábado 30 de abril de 2016, mentres que o contido da outra coñecerase o 27 de abril de 2047, xa que este ano correspóndese en notación binaria (pola que se rexe a informática) con once veces 11, unha curiosa casualidade que non se volverá a producir ata dentro de miles de anos. Segundo fixeron saber responsables da Universidade, o emprazamento das cápsulas “decidiuse pola idoneidade do espazo, que fora ata os anos 70 un horto experimental da Facultade de Farmacia e que non presenta ningún impedimento de tipo arqueolóxico”.
Fonseca acolleu xa o soterramento das dúas cápsulas dixitais do proxecto Once Uns
Compartir Este Artigo
