A delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, presentou este luns perante o Comité Executivo as contas anuais do Consorcio correspondentes ao ano 2012, contas que, segundo dixo, reflectiron un resultado positivo por importe de 4.100.000 euros. Pedrosa tamén explicou que os investimentos realizados nese mesmo ano acadaron un total de 17.500.000 euros, “cen mil euros máis que os realizadas no anterior exercicio de 2011”. As contas consolidadas do Consorcio da Zona Franca de Vigo -que inclúen ademais das do Consorcio as das empresas participadas Vigo Activo, Aparcadoiros Subterráneos de Vigo e a Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI)- rexistraron tamén uns resultados positivos de 3.800.000 euros.
Estas contas trasladaranse para a súa aprobación definitiva á vindeira xuntanza do Pleno deste organismo que se celebrará entre os meses de xuño e xullo. Máis en detalle e volvendo aos investimentos por valor de máis de 17 millóns de euros, dicir que corresponderon sobre todo a novos equipamentos nos parques empresariais de Porto de Molle e o Parque Tecnolóxico, ao servizo de empresas e emprendedores. Sobre os estados financeiros, a delegada explicou que “en termos xerais, estes resultados positivos débense a que o Consorcio moderou os seus gastos tanto en persoal como en servizos exteriores e a que se ingresaron 7,4 millóns de euros polo recurso financeiro, o que supuxo que á axencia de desenvolvemento económico de Vigo chegasen case novecentos mil euros menos que en 2011, co que o investimento realizado como vén sendo habitual é moi superior ao recibido do Estado”.
Polo que atinxe ás actividades do Centro de Excelencia- Factoría de Innovación de Vigo, Teresa Pedrosa informou os vogais que ata o de agora desenvolvéronse un total de oito actividades de carácter aberto das 16 planificadas: cinco xornadas nas instalacións do Consorcio e tres demolabs nas instalacións de AIMEN, CTAG e ANFACO, respectivamente, “todas con gran asistencia de público”. En de apoio a emprendedores, o comité tamén ratificou a firma do convenio e do protocolo de colaboración co director xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado e co presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, polo que Vigo “recibirá un millón douscentos mil euros destinados tanto á creación e posta en marcha de viveiros de empresa como á formación e asesoramento de emprendedores e de pequenas e medianas empresas xa establecidas que teñan que afrontar situacións de crises”, informouse.
O Consorcio da Zona Franca aumentou en 2012 o investimento en infraestruturas ao servizo da innovación
Compartir Este Artigo
