Fotopanorama, a iniciativa do fotógrafo galego Ricardo Cambón (responsable de cousas como Galicia360.com), vén de pór marcha unha colaboración co xigante Google para achegar o seu servizo Street View (imaxes en 360 graos para coñecer a distancia todo tipo de espazos urbanos e naturais) ás empresas, profesionais e particulares da nosa terra. A iniciativa de Fotopanorama estase a materializar nun eido sobre todo empresarial, dando a coñecer na comunidade de Internet todo tipo de “negocios por dentro”. O abano de actividade do servizo é ben amplo (cafeterías, farmacias, oficinas, perruquerías, pubs, restaurantes, tendas) e xa nos permite visitar virtualmente negocios como por exemplo o estudo de comunicación Xaniño da Coruña ou I Latina Software, entre outros moitos.
A achega de Fotopanorama, como dixemos, baséase en ofrecer o servizo Google Fotos de Negocios con Street View, que á súa vez baséase en permitir a clientes e turistas o acceso dende os seus móbiles ou computadores a unha experiencia interactiva concreta en visión de 360 graos. Ou sexa, sen deixar nada por cubrir. A iniciativa basea o seu potencial no concepto de imaxe, en todo o senso de termo. É dicir: axuda a darnos unha impresión clara da natureza da empresa coa que estamos a piques de tratar. Así, abre importantes portas ao comercio electrónico, polo que ten de elemento de confianza para o posible comprador ou solicitante dun servizo determinado. En definitiva, o Street View aplicado aos negocios posibilítanos a busca dun determinado negocio en Google ou Google Maps e visitar o interior dos mesmos de igual maneira que se estiveramos alí mesmo. Os locais, en virtude disto, estarán dispoñibles en Google Maps e na entrada do directorio do propio comercio en Google +Local.
Fotopanorama lánzase a rexistrar negocios galegos en 360 graos
Compartir Este Artigo
