AMTEGA informou este mércores do remate dos procesos de fornecemento de redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en seis centros educativos das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense. Estes colexios, sinala a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, súmanse á listaxe de 193 que xa contan con esta infraestrutura de recente implantación (no último ano). Segundo lembra o departamento que dirixe Mar Pereira, a mellora destes equipamentos permite non só un importante medre na velocidade de conexión, senón tamén o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.
Asemade, serve de pulo ao proceso de dixitalización dos eidos educativos galegos propiciado polo Proxecto Abalar. Os devanditos traballos de fornecemento en seis novos centros foron posibles grazas ao acordo entre AMTEGA e o operador R ao abeiro do Plan de Banda Larga da Xunta. Este acordo contempla entre outras cousas a extensión, da man de R, destas redes de nova xeración (NGAs) “coas velocidades máis punteiras”.
Para facérmonos unha idea do que se acada con estas tecnoloxías, dicir que a implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. “Deste xeito”, informa AMTEGA, “o alumnado poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta axeitado.
Seis novas incorporacións ao tecido de centros educativos galegos con redes de nova xeración
Compartir Este Artigo
