Televes USA, a división norteamericana da compañía galega Televés, vén de reforzar a súa presenza e actividade nos Estados Unidos coa incorporación como director de Operacións do renomeado enxeñeiro Steve Strong, que se vai responsabilizar da coordinación dos departamentos de Enxeñaría, Mercadotecnia e Desenvolvemento de Negocio. Strong, que ten tras de si vinte anos de experiencia na industria das telecomunicacións, centrará os seus obxectivos en incrementar e afianzar a presenza da marca galega no mercado dos Estados Unidos.
O seu labor, informa a firma con sede en Compostela, desenvolverase en estreita colaboración con Javier Ruano, director xerente de Televes USA, e cos equipos de Dirección Executiva, Enxeñaría, Vendas e Mercadotecnia de Televes Corporation, para o desenvolvemento tanto de novos equipos como de solucións específicas para o mercado estadounidense.
Steve Strong, engade a firma, desenvolveu unha brillante carreira nas industrias das comunicacións terrestres e vía satélite, e conta tamén con experiencia noutros sectores, como o da distribución eléctrica e a industria da defensa. “Como enxeñeiro de telecomunicación”, engade, “ten rexistradas oito patentes de ámbito nacional e internacional, desempeñando cargos de responsabilidade en varias sociedades profesionais”.
Para o propio Steve Strong “este é un intre moi estimulante para Televes USA e síntome feliz de ter a oportunidade de contribuír a incrementar a presenza da compañía nos Estados Unidos; Televes ten un catálogo de produto moi amplo e a súa reputación en Europa é extraordinaria. Pola miña banda, espero poder axudar a achegar a oferta da compañía tanto aos clientes actuais como a novos clientes en Estados Unidos”.
Pola súa banda Santiago Rey, director xeral de Televes Corporation, destacou que Steve Strong “é unha personalidade moi respectada na comunidade estadounidense de especialistas en telecomunicacións e, sen dúbida, achegará á compañía o seu enorme coñecemento do mercado norteamericano”.
Televes USA reforza o seu persoal coa incorporación do recoñecido enxeñeiro Steve Strong
Compartir Este Artigo
