Finalmente celebráronse na Coruña as xornadas da multinacional Klaus Multiparking para amosar os seus máis recentes achados tecnolóxicos en aproveitamento de espazo urbano para o aparcamento de vehículos, un espazo que, case sen excepción, faise máis reducido nas nosas vilas e cidades por mor dos procesos de humanización que desenvolven os gobernos locais (moi positivos en xeral, sempre e cando non redunden en máis contaminación derivada dos atoamentos e das voltas dos condutores buscando onde aparcar). A xuízo de Klaus Multiparking, os sistemas robotizados que aproveitan o espazo dispoñible dun xeito máis eficaz, “son unha alternativa efectiva ao garaxe convencional”. A firma xermana celebrou na Coruña dúas xornadas no Colexio Oficial de Enxeñeiros de Galicia.
Nestas xuntanzas, Arno Hoyer, director xeral de Klaus Multiparking España e Portugal e Eduardo Sieiro, enxeñeiro industrial, analizaron as vantaxes da instalación dun aparcadoiro robotizado e o aproveitamento de espazo que supoñen estes novos sistemas. O evento contou coa asistencia de medio centenar de enxeñeiros e arquitectos. Segundo explicou Hoyer, “os aparcadoiros Multiparking duplican ou triplican o número de estacionamentos nun garaxe convencional, de doada instalación e cun mantemento moi económico, permiten reducir de xeito considerable as emisións de CO2 e axudan á mellora da mobilidade, dado que de media o 30% do tráfico nas cidades son condutores que buscan estacionamento”. En definitiva, dixo, estamos ante uns sistemas que permiten un aforro de volume e superficie entre o 40 e o 50% comparado con outros aparcadoiros convencionais.
Durante a xornada, os asistentes preguntaron sobre as solucións personalizables deste tipo de aparcadoiros e Hoyer explicou que “grazas á súa variedade de produtos, Multiparking ofrece solucións para cada situación”, engadindo que “cos seus diferentes sistemas (semiautomáticos, robotizados, palés ou plataformas xiratorias), dáse resposta ás necesidades e características de cada usuario, desde unha vivenda unifamiliar ata un estacionamento público”. As xornadas, por certo, acompañáronse da instalación do primeiro aparcadoiro robotizado da dita multinacional na cidade da Coruña.
Klaus Multiparking amosa na Coruña ante un cento de profesionais os seus aparcadoiros intelixentes e anti-contaminación
Compartir Este Artigo
